O Presco: un modelo recoñecido
Non temos capacidade de deter unha pandemia, mais si que a temos de acompañar aos máis afectados por ela
A visita esta semana á Coruña de distintas asociacións de hostaleiros de ámbito provincial, autonómico e nacional para interesarse polo PRESCO supón para o goberno de Inés Rey e para os hostaleiros coruñeses un importante recoñecemento ao traballo que estamos a realizar, entre todos, para facer fronte a unha pandemia que chegou sen manual de instrucións.
A análise das medidas habilitadas nos distintos territorios pon de manifesto que non hai ningún que teña chegado tan lonxe como A Coruña. Todo plan, por suposto, é susceptible de mellora, mais a comparativa entre plans, cando os houbo, permite formarse un xuízo máis acaído do que cada quen puxo sobre a mesa. O feito de que veñan de fóra a coñecer o noso, evidencia a utilidade das medidas que puxemos en marcha.
Non temos capacidade de deter unha pandemia, mais si que a temos de acompañar aos máis afectados por ela. Fixémolo na hostalaría, ampliando o espazo das terrazas e renunciando ao cobro da taxa, como tamén o fixemos con rebaixas e exencións no lixo e na auga tanto para os hostaleiros como para outros moitos sectores igualmente afectados polas medidas de contención.
Hoxe temos en marcha o segundo PRESCO, cun plan de bonos único e máis ambicioso que o posto en marcha por outras Administracións. Non só repetimos as axudas directas aos pequenos negocios e autónomos, senón que imos máis alá nos incentivos ao consumo e, no caso da hostalaría, financiamos ata o 40% da consumición nos locais adheridos.
Os investimentos públicos avalíanse en función da súa repercusión social
Cada Administración ten a obriga de actuar na medida das súas capacidades económicas e das súas competencias. O goberno de Inés Rey levou ao Concello da Coruña moito máis alá das súas competencias nas súas actuacións. As medidas aprobadas na Coruña por unanimidade supoñen tamén unha presión económica con respecto ao orzamento á que non chegan outras Administracións con máis recursos. Sirva como exemplo a comparativa coa Xunta, que copiou o plan municipal de incentivos ao consumo: a Xunta subvenciona ata 30 euros por persoa, o Concello da Coruña, 135 euros.
Medio milleiro de negocios adheridos ao plan de incentivos ao consumo (bonos PRESCO) xa no primeiro día, evidencian o interese espertado, un ano máis, co plan municipal. Catro millóns de euros en axudas directas e un millón máis para financiar os bonos supoñen unha axuda eficaz para o mantemento do emprego e para a reactivación da economía.
Chegamos co primeiro PRESCO antes que ninguén e agora, co segundo, seguimos a actuar cando moi poucas Administracións locais teñen activos nestas datas plans de estímulo. Van 20 millóns de euros dedicados polo Concello da Coruña á reactivación económica, ao apoio social e ao impulso cultural. Os investimentos públicos avalíanse en función da súa repercusión social, e o goberno municipal da Coruña ten claro que poucos investimentos hai máis útiles que os PRESCO cando se mide o beneficio social. Por iso veñen a coñecer o nos plan desde moitos lugares de España.