O Entroido apunta a unha vida sen máscaras
Non deixa de ser un fermoso paradoxo o feito de que sexa precisamente no Entroido cando todos empecemos a albiscar, xa non moi lonxe, unha vida sen máscaras
Dentro de tres semanas cumpriranse dous anos desde que a pandemia mudou a vida neste planeta dun día para outro e sen previo aviso. Un virus transformou o día a día de millóns de persoas, un cambio que non afectou só ás formas, senón tamén ao fondo do noso comportamento e da nosa percepción do cotiá. O normal deixou de selo, coa factura correspondente non só no económico, incalculable, senón no afectivo, no humano. A distancia social, a cancelación de eventos, os aforos limitados e a chegada dunha forma de relacionarse nas distancias e con máscaras tivo e ten un impacto importante nas persoas, acostumadas a outro tipo de relacións máis próximas. Dous anos despois da irrupción da pandemia, e coa práctica totalidade da poboación vacinada, é hora de dar pasos firmes, con sentido pero sen medo, cara a esa ansiada normalidade.
Na Coruña o punto de inflexión marcouno Inés Rey cando decidiu organizar a cabalgata de Reis tradicional adaptándoa ás normativas sanitarias. Foi un éxito, porque demostrou dúas cousas: que os cidadáns son persoas maduras capaces de actuar con prudencia, e que era preciso xa volver ao que durante dous anos se nos furtou. O pasado domingo máis dun milleiro de persoas se daban cita no Pazo da Ópera da Coruña para asistir ao Concurso de Comparsas. O mellor indicador de que a pandemia empeza xa a formar parte do pasado foi o feito de que o virus xa non fora o tema das coplas. Con máscaras e con sentido común, como na cabalgata, a cita supuxo á volta a unha das tradicións máis queridas polos coruñeses.
Entroido coruñés volve a rúa coa troula, a sátira e o humor que o caracteriza. Había sede dese retorno, de poder festexar. Non será só un Entroido normal, será un entroido mellor, con homenaxe incluído a eses choqueiros que tanto teñen feito por animar á cidade. O novo paseo da fama da rúa da Torre o estreará o nome de alguén tan querido e estrañado na Coruña como Fernando Amaro, Cantero. Hai moito de liberador no Entroido, e moito máis no deste ano, porque había tempo que tiñamos necesidade del. Camiñar cara a esa normalidade era preciso e o Concello da Coruña está a dar os pasos necesarios para tratar de que ese camiño non teña volta. Sobran temas para as chirigotas e sobran motivos para que as persoas volvan recuperar as súas vidas tal e como eran hai dous anos.
Ao final, a vida segue, sempre, e é preciso que desde o público poñamos os medios para facilitala, para vivila. Iso estamos a facer na Coruña con acerto. Non deixa de ser un fermoso paradoxo o feito de que sexa precisamente no Entroido cando todos empecemos a albiscar, xa non moi lonxe, unha vida sen máscaras.