O dereito á vivenda

Non podemos regular os prezos do mercado libre, mais podemos actuar para que as vidas das persoas máis vulnerables non dependan unicamente do que dicta ese mercado

Vista aérea de la ciudad de A Coruña. EFE/Cabalar

Vista aérea de la ciudad de A Coruña. EFE/Cabalar

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

No século XXI a vivenda, un dereito constitucional, tense convertido nun problema. Hai non moitos anos, o feito de independizarse e emprender unha vida á marxe da familia era un paso que dependía exclusivamente do acceso ao mercado laboral. Hoxe non é así. Os prezos dos alugueiros (xa non falamos da propiedade) da vivenda, sometidos ás tensións da ofertas e da demanda, teñen conseguido que nas grandes cidades sexa imposible para unha ampla porcentaxe da poboación, sobre todo a máis nova, facer a súa vida sen apoio externo ou renunciando á súa independencia.

A única forma de atopar saídas e de aliviar as tensións do mercado pasa por aportar recursos públicos a plans de vivenda que permitan a construción dun parque público de vivendas capaz de dar un fogar a quen non pode pagalo. As Administracións temos a obriga de traballar para garantir que sexa realidade un dereito constitucional. Non será sinxelo reverter en pouco tempo a situación actual, mais a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, está a demostrar que é posible dar pasos noutra dirección.

O acordo asinado esta semana coa Marea Atlántica en materia de vivenda evidencia que é posible tomar un camiño pola esquerda nesta materia, un camiño que, sen pretender solucionar a situación, si ten o afán de axudar a mellorala. O Concello da Coruña aportará máis de 9 millóns de euros para mercar, construír vivendas para aquelas persoas que máis as precisan e para axudar a rehabilitación das xa existentes.

A única forma de atopar saídas e de aliviar as tensións do mercado pasa por aportar recursos públicos a plans de vivenda

A empresa pública EMVSA convertirase nunha potente ferramenta para incidir no mercado inmobiliario. O Concello, ademais, unificará a xestión do seu parque actual de vivendas para facer unha distribución máis xusta dos recursos cos que conta. A vivenda, hai que recordalo, é un dereito. É un ben básico como a alimentación, a educación ou a atención sanitaria. Como sociedade temos que facer todo o que teñamos á man para evitar que os dereitos acaben por se converter en luxos. E cada administración debe asumir a súa parte, a Xunta de Galicia debe asumir as súas competencias e incrementar os fondos destinados á construción de vivenda pública e de protección así como impulsar medidas de asesoramento e atención á cidadanía que está a sufrir os efectos da crise económica e social.

Temos que facer todo o que teñamos á man para evitar que os dereitos acaben por se converter en luxos

Porque ao final, do que se trata é de vivir nunha sociedade máis xusta, nunha sociedade na que o mérito permita a cada quen chegar a onde considere, mais tamén nunha sociedade na que non sexa un mérito poder dispoñer dun teito. Non podemos regular os prezos do mercado libre, mais podemos actuar para que as vidas das persoas máis vulnerables non dependan unicamente do que dicta ese mercado. O acordo ao que temos chegado é un avance nese camiño.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp