Novo paso cara a ronda peonil
Converter un espazo público nun lugar máis atractivo é tamén a mellor receita para xerar actividade económica, é dicir, para crear riqueza e emprego
Cando Inés Rey chegou á alcaldía hai case tres anos comprometeuse coa posta en marcha dunha cidade máis amigable para as persoas. Unha cidade máis amable, accesible, habitable e acolledora. A pesares da pandemia, dende o goberno municipal desenvolvéronse numerosas actuacións en tres ámbitos fundamentais: peonalizacións e recuperacións de espazos para a cidadanía, aposta pola mobilidade sostible e polo medio ambiente.
O compromiso de poñer en marcha a primeira ronda peonil da cidade, de 3,5 km entre San Diego e o Observatorio, comeza a tomar forma. Xa están completados os tramos de Alcalde Puga y Parga, Mariscal Pardo de Cela, Oidor Gregorio Tovar e a primeira parte de Ramón Cabanillas. O primeiro tramo de Alcalde Marchesi atópase en obras e a segunda fase licitouse esta semana igual que o segundo tramo de Ramón Cabanillas polo que ambas actuacións faranse nos próximos meses.
Humanizar é facer máis accesibles distintas vías co obxectivo de favorecer a reactivación económica, mellorar a accesibilidade, a mobilidade e a calidade de vida
Paso a paso imos consolidando o noso proxecto na busca dunha cidade máis amable para as persoas, humanizando e facendo máis accesibles distintas vías nos nosos barrios co obxectivo de favorecer a reactivación económica, mellorar a accesibilidade e a mobilidade e mellorar a calidade ambiental e de vida.
As humanizacións ademais de favorecer o uso peonil das rúas, conlevan sempre a plantación de novas árbores e a instalación de novo mobiliario público, por tanto non son só unha inversión para mellorar a accesibilidade e a mobilidade senón tamén para recuperar os barrios para que teñan a calidade urbana que merecen os veciños, para converter as rúas en espazos agradables para estar e para vivir, non só zonas de paso. Un bo exemplo disto é a actuación integral no barrio de Catro Camiños xa que a peonalización completa de Alcalde Marchesi, a humanización da Praza José Toubes e apertura do Remanso permitirán revitalizar e impulsar economicamente barrio e toda a súa área de influencia. Converter un espazo público nun lugar máis atractivo é tamén a mellor receita para xerar actividade económica, é dicir, para crear riqueza e emprego. Ese é un dos principais obxectivos.