Miñones, a aposta polo municipalismo
"A democracia municipal foi, durante moitos anos, a orixe dos grandes avances e do progreso que explican a historia recente de España"
A decisión de Pedro Sánchez de situar á fronte da Delegación do Goberno en Galicia a José Miñones, até o de agora alcalde de Ames, ademais de ser unha aposta segura pola demostrada solvencia do candidato, supón tamén un respaldo ao municipalismo galego e ao relevante papel que están a desempeñar os 111 alcaldes e alcaldesas socialistas na nosa comunidade.
Despois dun primeiro traxecto capitaneado por Javier Losada, político experimentado e que cumpriu perfectamente co papel asignado no seu día polo goberno, ábrese agora unha nova etapa na xestión da Administración do Estado en Galicia con importantes retos por diante para a cohesión social e territorial do noso país.
Miñones acredita unha magnífica xestión e sobrada capacidade de diálogo, imprescindible para manter unha interlocución permanente con institucións e axentes económicos e sociais. Será un magnífico representante das políticas que está a impulsar o Goberno progresista que preside Pedro Sánchez.
É aos concellos onde primeiro chegan os cidadáns demandando solucións
Socialismo e municipalismo en Galicia van sempre unidos xa que os concellos son os principais promotores do Estado do Benestar e da cohesión, valores fundamentais do ideario progresista. É aos concellos a onde primeiro chegan os cidadáns demandando solucións e son os concellos os primeiros en ofrecer respostas. E tamén foron os gobernos socialistas os que contribuíron decisivamente á modernización das vilas e cidades, convertendo a moitas delas en auténticas referencias de xestión e calidade de vida.
O socialismo galego reúne hoxe ao redor do municipalismo a unha nova xeración con capacidade e solvencia para darlle un pulo a Galicia poñendo en marcha políticas innovadoras que transformen as vilas e as cidades galegas, e co obxectivo irrenunciable de garantir a mellora das condicións de vida dos seus cidadáns. O novo delegado do Goberno é un bo expoñente desta xeración de dirixentes socialistas formados e curtidos no ámbito local, que traballan a pé de país xestionando no día a día moitos dos problemas máis inmediatos e urxentes da sociedade.
Concretamente o 55% dos galegos conta na actualidade cun alcalde ou alcaldesa socialista ao fronte dos seus concellos e tres das catro deputacións están gobernadas tamén por un presidente ou presidenta socialista, polo que parece moi evidente que o Partido Socialista é un partido central en Galicia, que non só ten presente senón que tamén ten futuro.
O municipalismo será a orixe dos grandes avances que se deben de producir en Galicia nos vindeiros anos
A democracia municipal foi, durante moitos anos, a orixe dos grandes avances e do progreso que explican a historia recente de España e estou seguro de que tamén será a orixe dos grandes avances que se deben de producir en Galicia nos vindeiros anos.
A chegada de José Miñones á Delegación do Goberno pode ser o primeiro paso dunha nova etapa, dunha nova xeración de homes e mulleres con experiencia, probada e acreditada, na xestión das políticas más próximas, das que tocan a pel da cidadanía, das novas políticas que, en definitiva, demanda Galicia dende hai tempo.