Mellor xestión, máis xustiza social
Nunca houbo tantas solicitudes de bolsas comedor coma este ano, 3.386, e nunca na historia do Concello da Coruña houbo tantas bolsas preconcedidas
A constante insistencia do Goberno de Inés Rey na necesaria mellora da xestión non é unha demanda baleira. No Concello da Coruña a última convocatoria das bolsas comedor é un exemplo preciso das políticas que estamos a aplicar, neste caso a través da concellería que dirixe Yoya Neira.
O alto volume de solicitudes para ditas axudas xeraba problemas desde hai anos polas demoras nas resolucións dos expedientes. Moitos pais empezaban o curso (ou case) sen saber se ían dispoñer desas axudas ou non, o que engadía un compoñente de incertidume e de presión sobre as familias que era preciso corrixir.
Moitos pais empezaban o curso (ou case) sen saber se ían dispoñer desas axudas ou non
Nunca houbo tantas solicitudes coma este ano, 3.386, e nunca na historia do Concello da Coruña houbo tantas bolsas preconcedidas, 2.481, un 49% máis que hai tres anos.
Malia o volume de demandas, todos os expedientes quedaron resoltos en 62 días hábiles, o período máis curto do último lustro. En xullo todas as familias sabían se os seus fillos recibirían ou non as axudas.
Non foi casualidade. O Goberno de Inés Rey abordou con tempo o problema e modificou o sistema de xestión, formando e aumentando persoal e creando novas ferramentas que permitiran, por fin, optimizar os resultados.
O novo sistema practicamente garante que familias que perciban subsidios sociais, reciban tamén as axudas, cando antes non era así
A correcta xestión do servizo traduciuse, ao final, nunha maior xustiza social ao reducir a presión sobre as familias e darlles máis tempo para organizar o curso escolar.
Máis non só o método supuxo unha mellora para as persoas con menos recursos da cidade. Tamén se redefiniu o obxectivo, sendo máis ambiciosos nunha máis e mellor distribución das axudas. Se houbo máis bolsas que nunca foi porque este Goberno tivo a sensibilidade de modificar as bases e de subir os límites dos criterios económicos para poder chegar a máis persoas que igualmente o precisaban. O novo sistema practicamente garante que familias que perciban subsidios sociais, reciban tamén as axudas, cando antes non era así.
As bolsas comedor son unha mostra da forma de actuar do noso goberno. Sen facer ruído, con discreción, abordamos a reorganización dun programa social (implantado tamén no seu día por outro Goberno socialista) para facelo mellor, máis xusto, máis eficaz. Eliminamos tensións innecesarias coa correcta xestión da tramitación e ampliamos (era de xustiza) o número de familias perceptoras.
O feito por Inés Rey coas bolsas representa perfectamente o ADN socialista que vertebra a acción de Goberno hoxe na Coruña. Ese é o camiño correcto e o estamos a percorrer desde o primeiro minuto. Pola senda da mellora constante do servizo público seguiremos camiñando.