Máis dereitos e máis emprego
Tres meses despois da entrada en vigor da reforma laboral, crece cada vez máis o emprego indefinido e redúcense máis os contratos de moi curta duración
A pesar de que o conflito de Ucraína impactará na economía española nunha magnitude aínda moi difícil de calcular, os datos de emprego dos tres últimos meses permiten facerse unha idea dos cambios que está a xerar a reforma laboral impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez para incrementar os dereitos dos traballadores.
Tres meses despois da entrada en vigor desta reforma, os seus efectos positivos séguense acentuando: crece cada vez máis o emprego indefinido e redúcense máis os contratos de moi curta duración. Dous anos despois do inicio da pandemia, temos case medio millón de empregos máis, cun crecemento especialmente relevante nos sectores innovadores.
Estamos nun nivel de afiliación que supera en 470.000 persoas o momento previo á pandemia
Con 25.000 afiliados máis, o primeiro trimestre de 2022 pecha cun incremento de 119.000 empregos, cun ritmo de crecemento lixeiramente superior ao dos anos prepandemia o que indica unha forte recuperación do emprego. Estamos nun nivel de afiliación que supera en 470.000 persoas o momento previo á pandemia; cunha creación de emprego especialmente intensa en sectores innovadores, como a informática e a ciencia.
Mais os efectos positivos da reforma laboral no mercado laboral continúan: hai case un millón de traballadores indefinidos máis que hai un ano, a porcentaxe de traballadores con contrato indefinido sitúase no 75%, cinco puntos por riba do habitual e os contratos de moi curta duración acentúan o seu descenso: os contratos a un día pasaron de ser máis do 30% total de contratos asinados cada mes ao 13%.
É dicir, a pesar do contexto de incerteza xerado pola guerra e das predicións apocalípticas do PP que sinalaban que a reforma laboral poría en xogo o emprego dos traballadores e que suporía un cambio “obxectivamente malo” no mercado do traballo, os datos amosan que a realidade é outra ben distinta. E o máis relevante, poñen de manifesto o que defendeu o Goberno do PSOE desde o primeiro momento: que se poden incrementar os dereitos dos traballadores sen que iso supoña xerar menos emprego, máis ben todo o contrario.