Impulso á recuperación económica
"Fomos máis lonxe que ningún outro concello en Galicia e practicamente en España para axudar as persoas que máis estaban a padecer a pandemia"
O goberno de Inés Rey foi pioneiro en 2020 na posta en marcha dun Plan de Recuperación Económica e Social, o PRESCO, que permitiu mobilizar 14,4 millóns de euros e facilitar axudas a cerca de 4.000 autónomos e micropemes a través das distintas liñas implementadas.
Somos conscientes de que a situación con respecto ao 2020 mudou substancialmente pero, como administración máis próxima aos cidadáns, sabemos que moitos sectores da cidade seguen a precisar un impulso económico para poder manter a súa actividade e emprego. Por ese motivo aprobamos, coa unanimidade de todos os grupos, un novo PRESCO para seguir axudando de forma directa aos autónomos e pequenas empresas, para incentivar o consumo a nivel local e para reforzar os programas sociais e de emerxencia.
Este novo PRESCO recupera iniciativas estreadas con éxito no primeiro plan, como os programas de incentivos ao consumo, os bonos, que serviron como modelo en distintos concellos e mesmo na Xunta, que finalmente implantou un plan semellante. Ademais de poder ser empregados polo pequeno comercio, a hostalería e a industria cultural, amplíase agora a salóns de peiteado e estética e ao sector do taxi. Cada cidadán poderá dispoñer dos cinco bonos que lle permitirán acadar ata 135 euros de desconto nestes establecementos e servizos.
Haberá de novo axudas directas de 2.000 euros para autónomos e micropemes para o pago de cotas de seguridade social e alugueres sen necesidade de que teñan que acreditar peches e simplificándose os trámites mediante declaración responsable e xustificación por adiantado. E ademais este ano tamén poderán acceder a axudas directas de ata 2.500 euros pola contratación de persoal temporal ou indefinido.
Así mesmo poranse en marcha novamente bolsas de creación artística de ata 3.000 euros e tamén se reforzarán as accións formativas, e, por suposto, o escudo social que incrementa a súa dotación en 600.000 euros. Do mesmo xeito que non houbo en Galicia ningún concello que fora tan lonxe coma nós no primeiro PRESCO, coido que tampouco os hai que o fagan agora co segundo.
En total 6,2 millóns de euros de inversión que sumados aos 14 millóns de 2020, achegan a aportación do Concello da Coruña á reactivación económica da cidade e protección social aos 20 millóns de euros.
A alcaldesa Inés Rey comprometeuse dende o primeiro momento coa realización dun esforzo especial para axudar ás persoas que máis estaban a padecer os efectos da pandemia e creo que hoxe podemos constatar que fomos máis lonxe que ningún outro concello en Galicia e practicamente en España no cumprimento dese obxectivo.