Galician Next Generation
Os fondos Next Generation constitúense para transformar as economías europeas e representan unha oportunidade irrepetible que esixiría a participación de tódolos axentes con capacidade de mobilización de recursos e vontades
A Xunta de Galicia acaba de presentar a Sociedade de Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos ao calor do macro fondo creado pola Unión Europea baixo o evocador lema “Next Generation”. A nova sociedade lembra dalgún xeito o INESGA, aquela fracasada iniciativa que naceu igualmente para fomentar proxectos económicos estratéxicos e que terminou convertido nunha ferramenta de financiamento privilexiado para algunha grande empresa. A nova sociedade parece ilustrar tamén a escasa confianza que existe no IGAPE despois da triste evolución do instituto de promoción económica durante os últimos lustros.
A composición da nova sociedade deixa un sabor máis agre que doce, e non falo so de cuestións de xénero. Os fondos Next Generation constitúense para transformar as economías europeas e representan unha oportunidade irrepetible que esixiría a participación de tódolos axentes con capacidade de mobilización de recursos e vontades. Falo das asociacións de empresarios, das cooperativas agrarias, da investigación, da tecnoloxía, da ecoloxía, da innovación, da enerxía, do emprendemento, Falo da next generation. Tamén se bota de menos a presenza das deputacións, das áreas metropolitanas e os municipios (deberían botarlle un ollo ao que están facendo, moito antes xa da Next Generation, na rexión metropolitana de Barcelona). Sen embargo, a representación da nova sociedade artéllase con tres representantes do goberno galego, outros tres de Abanca, un de Reganosa (?!) e de Sogama e dous distinguidos economistas. Habería que preguntarse polas razóns últimas desta composición sui-generis.
Bótase de menos a presenza das deputacións, das áreas metropolitanas e os municipios
Uns programas da dimensión e ambición dos Next Generation supoñen un dobre desafío: por un lado, a selección de proxectos a apoiar e, pola outra banda, a xestión e reparto dos propios fondos. Deámoslle a volta ao desafío e vexamos primeiro este segundo aspecto. Das tres ferramentas principais que fornecen de fondos ás rexións europeas (FEADER, FEDER e FSE), Galicia habería recibir durante o período 2014-2020 un total de 2.733 millóns de euros. Pois ben, a 30 de decembro de 2020, quedaban sen executar 1.397 millóns, o 51%. Se en seis anos, non fomos quen de investir nin sequera o 50% dos fondos asignados, que pode pasar cando recibamos para un mesmo prazo arredor da tripla desa contía? Antes ca unha nova sociedade de peculiar composición, Galicia necesita unha oficina ben dotada e capaz de executar os fondos asignados e aplicalos aos proxectos de distinta índole e dimensión que require para relanzar a súa doente economía.
Se en seis anos non fomos quen de investir nin sequera o 50% dos fondos asignados, que pode pasar agora?
Proxectos transformadores
Todos sabemos cales son os eixos troncales dos Fondos Next Generation: a innovación, a dixitalización, a loita contra o cambio climático e a biodiversidade. Porén non sabemos gran cousa dos seica 354 proxectos incluídos no primeiro dossier da Xunta sobre os que se vai filtrando información aos poucos. Divulgáronse, iso si, detalles sobre unha posible fábrica para facer roupa dende madeira de eucalipto. E entón é cando un empeza a sospeitar que, pase o que pase en Europa e no mundo, as forzas hexemónicas que gobernan Galicia esperan que nada cambie nunca.
Algún día saberase a raíz dese inusitado interese do Partido Popular pola expansión do eucalipto en Galicia. Xa o puxen de tódalas formas nuns cantos artigos e coido que esta ha ser a derradeira: o eucalipto representa unha maldición para o rural galego por moitas e moi fondas razóns:
- O primeiro, polo seu efecto nocivo sobre a fauna e flora, isto é, pola destrución da biodiversidade.
- Despois está o efecto sobre a auga reducindo dun xeito notable os caudais hidrolóxicos dos acuíferos e, xa que logo, provocando a aridez dos solos.
- O efecto sobre a propagación dos lumes.
- A redución progresiva do bosque autóctono, non so polas cortas de árbores de especies propias senón tamén pola continua invasión das zonas outrora libres desta especie; abonda con circular polas estradas galegas para confirmar a abundancia de “bosques mixtos” que, de non facermos nada urxentemente, terminarán como eucaliptais.
- O efecto terrible sobre a paisaxe, mesmo en zonas protexidas.
- Pero por riba de todo está o efecto sobre a conciencia ante o rural: prefírese plantar eucaliptos e botarse a durmir ata a corta antes que planificar, innovar, cultivar, deseñar, presentar e distribuír produtos locais alimentarios, algúns tamén de carácter arbóreo e en calquera caso de elevado valor polo que supoñen de garantía de aprovisionamento, pola riqueza inducida moi por riba da que poden deixar os eucaliptos, pola redución das importacións (principalmente doutras CCAA españolas), e polo efecto multiplicativo sobre as cadeas de valor alimentarias.
Non encontrarán mellor proxecto transformador en Galicia que a substitución do eucalipto
O eucalipto non ten cabida na Europa da biodiversidade que loita contra a perda de variedade biolóxica e tende a expulsar as especies exóticas de perniciosos efectos. Europa condenou o eucalipto que antes debería ter condenado a lóxica e a intelixencia. Non encontrarán mellor proxecto transformador en Galicia que a substitución do eucalipto por outras especies arbóreas e agrarias.
Outro proxecto presentado pola Xunta e do que algo se deu a coñecer trata da potenciación dos centros de investigación agraria do país, e iso si é una nova excelente. Ademais, inclúese nese paquete algo fundamental: unha escola de profesionalización e formación do emprendedor do agro. Sendo, como digo, unha noticia magnífica (o tempo que se leva perdido!), é preciso complementala. O I+D resulta esencial, por suposto, sempre que se garanta a traslación dos seus beneficios ás cadeas de produción. Diríase que é unha condición necesaria pero non suficiente. Se non se aplican as melloras, de nada serven. Se as persoas formadas non executan os seus proxectos, de nada vale a súa formación. Velaí o exemplo da Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas: leva formado uns 400 candidatos a empresarios do agro, dos que moi poucos terminaron levando o seu proxecto adiante.
As 4 Ts
Que máis se precisa logo para lograr un vizoso medio rural ante esta oportunidade dos Next Generation? Eu falaría das catro Ts.
- Técnica, é dicir, know how. E iso conséguese con formación, por suposto, pero tamén con redes e asociacionismo, coa interacción entre e coas cooperativas existentes, cunha relación continuada entre os produtores novos e os veteranos, así como entre o sector e as universidades e centros de investigación. Esta creación dunha auténtica “rede agraria galega” pódese artellar mesmo a través das TIC; velaí un proxecto útil e coherente cos principios do Fondo.
- Terra, o elemento fundamental. Galicia presenta uns valores lamentables de superficie agraria útil, a metade en termos relativos á media española e un terzo dalgúns países europeos. Resulta absolutamente imprescindible facilitar os contratos de arrendamento das terras baldías. Se se pon en produción o solo improdutivo e se suma a superficie procedente da erradicación do eucalipto, Galicia contaría con arredor dun millón de Has. extra de terra para cultivar. Iso colocaríanos nunha situación completamente distinta dentro dunha Europa que ferve con miles de proxectos e iniciativas en torno á alimentación local e de proximidade.
- Tempo, si, tempo, que non é precisamente o que temos dabondo. Pero non hai atallos, cada proxecto ten que madurar. É preciso seleccionar ben o solo, o cultivo, a variante, as técnicas… Moitos dos solos non darán rendemento inmediato. Hai que facer contratos de longo prazo e implantar medidas de apoio ao emprendedor do agro durante os primeiros anos das explotacións. Non se pode perder a ninguén.
- Tecnoloxía agraria. Citei noutras ocasións os centros de investigación de Wageningen nos Países Baixos como pletórico modelo a imitar. No chamado Food Valley neerlandés, desenvólvese unha investigación de vangarda en materia de Alimentos, Saúde, Tecnoloxía, Agricultura, Gandeiría, Acuicultura, Forestal, Economía e Ciencias Sociais, Terra e Medio Ambiente. Os resultados son espectaculares. Abonda dicir que, cun 40% máis de superficie que Galicia, a produción agraria dos Países Baixos multiplica por dez a produción agraria de Galicia. O Wageningen é o caso máis sobranceiro se cadra pero hai moitos outros espallados por Europa que se poden tomar de referencia.
Temos as 4 Ts para a transformación do rural galego. Temos os Fondos Next Generation, unha incrible oportunidade para facer esta transformación algo máis doada. E temos as novas xeracións de Galicia as que non podemos defraudar. Depende de nós… e da Xunta.