Galicia, á cola en vacinación
"Galicia é a comunidade xunto co País Vasco que peor ritmo de vacinación leva con respecto ao número de vacinas que ten dispoñible"
Cando Feijóo sinalaba a semana pasada que Galicia podería pinchar ata 100.000 persoas ao día se tivera as doses, botando a culpa ao goberno de Pedro Sánchez do baixo ritmo de vacinación, esquecíase de dar un dato, que Galicia é a comunidade xunto co País Vasco que peor ritmo de vacinación leva con respecto ao número de vacinas que ten dispoñible a pesares de dispoñer dun sistema sanitario galego con excelentes profesionais dispostos a dalo todo na xestión da pandemia.
A 2 de abril, Galicia só conseguira administrar o 84,2% das vacinas recibidas o que a situaba á cola da porcentaxe de vacinación en España. Comunidades como Valencia, Baleares, Andalucía, Estremadura ou Andalucía superan o 90% de doses administradas. Se nos fixamos no colectivo de máxima prioridade neste momento, os maiores de 80 anos, Galicia é a cuarta comunidade na ringleira de cola en número de maiores vacinados coas dúas doses. Cun 31,2% de inmunizados fronte ao 42,5% da media estatal, o 58,1% de Andalucía ou o 54% de Cantabria.
Os datos revelan que o problema na nosa comunidade non era a falta de vacinas senón a xestión que se estaba a facer do proceso de vacinación.
O presidente que alertaba de que se esperaba unha diminución das vacinas que se ían a recibir en Galicia e que a este ritmo non se podería cumprir coas previsións, o 70% da poboación no verán, non poñía os medios para garantir que as que xa tiñamos aquí fosen administradas en tempo e forma.
Mais esta situación non é nova, aconteceu coa volta as aulas, o primeiro presidente que pedía que lle devolvesen as competencias demandaba despois ao Goberno central un protocolo para o regreso aos centros de ensino tendo a súa administración competencias na materia. Resulta moi sinxelo gobernar dende a trincheira derivando a responsabilidade a outras administracións.
A política do escaparate, a poder ser nacional, é a que mellor domina o presidente galego, lanzando fogos de artificio como a obrigatoriedade de vacinación recollida na Lei de Saúde para situarse a nivel nacional en lugar de centrarse nos dous frontes máis relevantes que temos neste momento, a administración efectiva das vacinas e a recuperación económica.
No primeiro fronte, no da vacinación efectiva xa se puxo de manifesto que Galicia ocupaba o lugar 16 das 17 comunidades do Estado, esperemos que esta semana se rectifique e saiamos da cola e que no segundo, no da recuperación económica, non vaiamos ao mesmo ritmo.