Dez anos da traxedia do Orzán, dez anos de agradecemento
"Van xa dez anos daquela traxedia, daquel día de xaneiro no que os policías nacionais Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor lanzáronse ás augas bravas do Orzán para rescatar a Tomas Velicky"
Non hai mellor método para combater os prexuízos e os estereotipos que circulan de xeito acrítico na sociedade, que poñelos diante dun exemplo que os tombe. Cada vez que escoito a crítica fácil aos traballadores públicos, penso neles, que deron a súa vida sen dubidalo no cumprimento do seu deber.
Van xa dez anos daquela traxedia, daquel día de xaneiro no que os policías nacionais Javier López, Rodrigo Maseda e José Antonio Villamor lanzáronse ás augas bravas do Orzán para rescatar a Tomas Velicky. Non o conseguiron, mais conseguiron demostrar que un auténtico servidor público é capaz de chegar, cun valor que moi poucos teñen, ata as últimas consecuencias.
Puxeron de manifesto o que é a auténtica vocación de servizo e ata onde se pode chegar para axudar aos demais. Dez anos de fondo pensar para as familias, dez anos da desaparición de tres persoas que, nos seus últimos actos, evidenciaron ser uns heroes. A súa xesta permanece moi viva na memoria dos coruñeses, que xamais esquecerán o seu comportamento.
Nestes dez anos teñen cambiado moitas cousas, e hoxe hai uns medios de rescate mariño que antes non había, un equipo de intervención especial para actuar nesas circunstancias. Mais estou seguro de que hai algo que non mudou desde entón: a absoluta entrega de moitos servidores públicos ao seu traballo. Ninguén esquecerá nesta cidade a Javier, Rodrigo e José Antonio, que naquela aciaga madrugada do 27 de xaneiro do 2012 saltaron ao mar para tentar salvar unha vida.
Son para nós un exemplo de entrega e a eles miramos con admiración e orgullo todos os cidadáns. Agora que se fala dos problemas que como sociedade asoman por Occidente, da desunión e do egoísmo como lacras do que somos, penso neles e teño claro que eses son tamén prexuízos, falsas ideas difundidas nun século XXI que empezou esquivo ao optimismo. A realidade é moi distinta: temos entre nós a persoas capaces do máis grande, dos maiores sacrificios, da maior entrega e dedicación.
Esas persoas, como os heroes do Orzán, son as que fan deste mundo un lugar mellor. Por iso non os esqueceremos e difundiremos a súa historia e a súa memoria. A semana pasada os seus compañeiros da Policía Nacional e do resto de corpos de seguridade, así como representantes das institucións, acudiron puntuais a renderlles homenaxe alí onde perderon a vida. A mesma emoción ano tras ano, o mesmo agradecemento.
Na Coruña xa non temos un só faro. O segundo está na Coraza desde hai dez anos, e a súa luz é a mellor guía que esta sociedade podería ter. Grazas de novo por ter demostrado tanto.