Cumprir ou non cumprir, esa tamén é a cuestión
Os concellos son unha poderosa maquinaria de fomento da economía, pero para selo precisan ser áxiles na xestión e no investimento
Nun momento como o actual no que as pequenas e medianas empresas estanse a encontrar nunha situación financeira complicada como consecuencia das restricións ocasionadas pola crise da Covid, cumprir co pago a provedores en tempo e forma non tería que ser só un deber legal das Administracións, tería que ser un deber ético. Pagar ao día as empresas para que dispoñan de liquidez significa tamén contribuír á dinamización económica dos concellos onde se atopen. Os concellos son, no seu conxunto, unha poderosa maquinaria de fomento da economía e do emprego, pero para selo precisan ser áxiles na súa xestión e, por suposto, no investimento do seu orzamento.
O goberno de Inés Rey ten demostrado ese compromiso co tecido económico da cidade. Por primeira vez desde que se audita o pago a provedores, o Concello da Coruña enlaza un ano seguido aboando as súas obrigas por debaixo dos 30 días de media. Nunca antes se tiña chegado a esa cifra. Non se trata de celebrar un récord. Trátase de que o Concello da Coruña ten aportado seguridade xurídica e estabilidade económica aos seus provedores, que son centos cada ano. Os concellos poden levar a cabo medidas de estímulo excepcionais (como levamos feito na Coruña, dous anos seguidos, co Plan de Recuperación Económica e Social PRESCO), mais non hai mellor plan de estímulo que unha xestión eficaz dos recursos ordinarios.
Desde o público temos que solucionar os problemas que existen na nosa sociedade, non crear outros novos
Non pode ser que particulares e empresas vexan ás administracións públicas coma un muro infranqueable, non pode ser que interpreten á relación co público coma unha fonte de problemas. Quen goberna ha de ser quen de entender o servizo público como o que esa mesma expresión indica. Desde o público temos que solucionar os problemas que existen na nosa sociedade, non crear outros novos.
O Concello da Coruña traballa baixo esa mesma premisa. Hoxe na Coruña xa é normal o que hai tempo que tiña que selo: as empresas provedoras cobran en tempo e forma, as obras licítanse nuns prazos razoables e os fondos municipais empréganse en mellores infraestruturas e servizos.
Cumprir co período medio de pago a provedores non só evita que legalmente o remanente teña que destinarse a amortizar débeda. Serve, sobre todo, para manter e crear emprego, e serve tamén para que os cidadáns perciban que as Administracións non viven nunha realidade alternativa, senón na súa, e perciban que están aí para buscar solucións aos seus problemas, interesándose por eles e actuando con exemplaridade. Ese é o camiño e por el avanzamos na Coruña.