Comprometidos coa recuperación económica

O Concello da Coruña foi, de lonxe, a administración local galega que máis recursos investiu para facer fronte aos efectos da crise

A Coruña

Fachada principal del Ayuntamiento de A Coruña. Europa Press

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Neste momento no que estamos inmersos na negociación do novo Plan de Recuperación Económica e Social para 2021, cómpre recordar que o Concello da Coruña foi a primeira administración galega en poñer en marcha un plan de acción con medidas económicas e sociais para paliar os efectos da pandemia da Covid.

Hoxe, cando comezamos a ver a luz ao final do túnel con máis da metade dos galegos vacinados e con 212.000 altas en maio na Seguridade Social en toda España, creo que é de xustiza poñer en valor a aposta que se fixo dende o Concello da Coruña para dar resposta a unha crise sen precedentes.

O expresidente Felipe González definía o liderado político como “a capacidade de ter un proxecto e de conectar cun sentimento e unha aspiración colectiva”. Cando a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, decide no primeiro mes da pandemia cambiar as prioridades do seu goberno e destinar 14 millóns de euros á recuperación económica da cidade, está amosando ese liderado, capacidade de reacción e de conectar co sentimento que estaba a vivir a maior parte da cidadanía.

«Reforzamos os programas sociais e incrementamos as axudas de emerxencia, puxemos en marcha axudas directas para autónomos e pequenos empresarios»

É certo que despois foron moitos os concellos que aprobaron medidas para fomentar a recuperación económica, pero o Concello da Coruña foi, de lonxe, a administración local galega que máis recursos investiu para facer fronte aos efectos da crise. En toda España, só algunhas cidades cun volume de poboación moito maior que o da Coruña achegaron máis recursos aos seus plans.

Reforzamos os programas sociais e incrementamos as axudas de emerxencia, puxemos en marcha axudas directas para autónomos e pequenos empresarios, fomos pioneiros na aprobación de bonos de desconto para incentivar o comercio local, reducimos as taxas de lixo, auga e depuración e eliminamos as taxas das terrazas dos locais de hostalaría. E o máis relevante, fixémolo dende o diálogo cos sectores afectados e dende o consenso político conseguindo que o Plan de Recuperación Económica fose apoiado por unanimidade por todos os grupos da corporación municipal.

O país acelera xa cara a meta da recuperación, e cremos que é preciso facer un novo esforzo, dar un novo pulo aos sectores máis afectados pola crise para que poidan afrontar a recuperación con garantías. E facelo, de novo, incorporando as achegas dos grupos da oposición co obxectivo de que o plan que se aprobe sexa o mellor posible para contribuír a esa aspiración colectiva de comezar a deixar a crise atrás e pensar en planificar o mundo no que entraremos á volta desta crise.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp