Comprometidos coa creación de emprego público
No Concello da Coruña temos claro que unha das claves na loita contra as consecuencias da pandemia é o reforzo da calidade dos servizos públicos
As administracións locais deben de poñer todo o que estea nas súas mans, pese a non ter competencias directas, para impulsar a recuperación económica. A creación de emprego público e a estabilización do existente é, sen dúbida, un dos mecanismos cos que se pode contribuír a saída da crise a nivel local. O concello da Coruña acaba de convocar 89 prazas de funcionario de libre acceso para diferentes postos da Administración local ás que poden acceder todos os opositores que cumpran os requisitos. Trátase da maior convocatoria de emprego público de libre acceso feita nun só ano na historia da Administración local.
O Goberno da Coruña cumpre así co seu compromiso de promover a creación pública de emprego e o fai dando prioridade as áreas que prestan servizos esenciais como a atención social e o reforzo da atención cidadá.
A convocatoria de 89 prazas publicada no BOP o pasado 30 de decembro duplica a de outros concellos, incluso de maior tamaño, e sitúa A Coruña como o concello de referencia en Galicia na creación de emprego público neste ano.
Temos claro que unha das claves na loita contra as consecuencias da pandemia é o reforzo da calidade dos servizos públicos
En 2019 marcámonos como obxectivo mellorar os servizos públicos municipais e para iso era fundamental regularizar os contratos e convocar os procesos selectivos pendentes dende o ano 2014. No Concello da Coruña temos claro que unha das claves na loita contra as consecuencias da pandemia é o reforzo da calidade dos servizos públicos.
O maior número de prazas convocadas correspóndense con postos do corpo da administración xeral que teñen atribuídas funcións comúns no exercicio da actividade administrativa. O seguinte grupo máis numeroso é o de traballadores sociais e técnicos de apoio social, con 15 prazas. Convócanse tamén tres prazas de axudante de cemiterio e dúas de informática. Ademais, o Concello oferta prazas de oficial do Servizo de Extinción de Incendios, de psicólogo clínico, de técnicos de medio ambiente e de organización, de técnicos superiores de Economía e de Mobilidade, e de técnicos medios de Educación e de promoción do emprego.
O Concello convoca tamén 16 prazas de promoción interna para estabilizar o emprego do persoal do Concello, con 14 prazas de administrativo e dúas de auxiliar de bibliotecas.
En 2022, ademais da nova oferta de emprego público que está pendente de aprobar e que roldará as 40 prazas, sacaranse 13 prazas máis de emprego libre correspondentes á Oferta de Emprego Público do 2021. Polo que o Goberno de Inés Rey terá creado no seu mandato preto de 150 prazas libres de emprego público.