Coidar o noso pasado é coidar o noso futuro
"En Méndez Núñez está sentada de novo dona Emilia Pardo Bazán, a de verdade, a que chegou alí en 1916 e tivo que saír no século XXI para evitar danos maiores. Volve estar no seu sitio, contemplando o histórico xardín no que desde hai case dous anos están vetados os botellóns"
Aquela sociedade que desprece o seu propio pasado non terá un bo futuro. Para deseñar o que queremos ser é preciso ter claro o que fomos e saber apreciar e conservar todo aquelo que nos configurou como colectividade a distintos niveis, tamén no ámbito local.
O coidado do patrimonio é un sinal de identidade do Goberno de Inés Rey. Ese patrimonio, que é de todos, é o que configurou a cidade da Coruña como hoxe é. Perder os sinais de identidade, no fondo, equivale a perder a propia identidade, a diluíla e, polo tanto, a empobrecela.
Os xardíns de Méndez Núñez son un exemplo moi válido desa aposta pola defensa da historia local. Un dos xardíns históricos máis importante da cidade estaba a se converter nun espazo degradado. Un lugar do que era preciso retirar as esculturas orixinais para evitarlles danos.
Esta mesma semana unha das concesións municipais nese enclave arrincaba a súa renovación. O Copacabana será de novo un espazo aberto e vivo, e contará cun deseño de calidade. A escasos metros de alí os parques infantís de Méndez Núñez están a ser tamén obxecto dunha completa renovación.
En Méndez Núñez está sentada de novo dona Emilia Pardo Bazán, a de verdade, a que chegou alí en 1916 e tivo que saír no século XXI para evitar danos maiores
O goberno municipal decidiu tamén neste mandato recuperar a Rosaleda, un espazo emblemático que loce de novo como debera e do que gozan os centos de cidadáns que cada día percorren as súas sendas.
En Méndez Núñez está sentada de novo dona Emilia Pardo Bazán, a de verdade, a que chegou alí en 1916 e tivo que saír no século XXI para evitar danos maiores. Volve estar no seu sitio, contemplando o histórico xardín no que desde hai case dous anos están vetados os botellóns.
A aposta pola revitalización dos xardíns vai máis alá do simbólico. É un símbolo, si, en canto ao que supón de recuperación da nosa historia, do noso pasado, mais é tamén unha clara aposta por ter un mellor presente e un futuro máis esperanzador. Quen soña cunha cidade máis amable, máis vivible, nunha cidade para as persoas, soña tamén cunha cidade máis verde e mellor coidada. Unha cidade na que o espazo público non sexa interpretado como o que sobra fronte ao espazo privado, senón como un lugar de encontro, atractivo, un lugar no que estar.
A Coruña camiña cara ese fin, o de se converter nunha cidade máis humana, unha cidade que busca que no escenario común do público poidan facer a súa vida as persoas. E que nese escenario as distinta xeracións poidan recoñecer e valorar os elementos do pasado que nos levaron ata hoxe. Se somos quen de deixar a cidade mellor do que a atopamos, seremos quen tamén de legar ás vindeiras xeracións un mundo mellor que aquel no que nos tocou vivir. Non é un reto menor.