Coa vista posta na recuperación
A maior parte da recuperación está baseada na marcha do consumo, e das propias empresas dependentes da evolución das limitacións e restricións
Tras perder case un 11% do PIB durante 2020, os datos indican que España está iniciando a senda da recuperación económica. Todas as previsións sinalan que o Produto Interior Bruto crecerá este ano entorno ao 6% e algúns organismos como o Fondo Monetario Internacional ou a OCDE sitúan ao noso país como un dos que terá un maior crecemento en 2022.
Mais todas estas previsións dependerán de como sexamos capaces de enfrontar esta recta final de 2021, do avance do proceso de vacinación e da resposta dos fogares, xa que a maior parte da recuperación está baseada na marcha do consumo, e das propias empresas dependentes da evolución das limitacións e restricións.
Por ese motivo é extremadamente relevante que as administracións públicas nos centremos en impulsar esa recuperación, dende o Concello da Coruña tivémolo claro e por iso puxemos en marcha un novo Plan de Recuperación Económica e Social, PRESCO 2021, para axudar aos autónomos, pequenas empresas e familias, impulsar o consumo, o crecemento económico e o mantemento do emprego.
Dende hoxe mesmo os pequenos comerciantes, hostaleiros, taxistas, axencias de viaxe, propietarios de aloxamentos turísticos, salóns de peiteado ou artistas, entre outros sectores, poden solicitar axudas directas de 2.000 euros para o pago de cotas da seguridade social, autónomos ou aluguer, de 2.500 euros se contrataron persoal neste ano e de 3.000 euros no caso do desenvolvemento de proxectos artísticos.
E sabendo que a recuperación da nosa economía neste ano está baseada en gran medida na evolución do consumo, a partir do 15 de setembro poremos a disposición das familias 135 euros por persoa para consumir no comercio local e incentivar deste modo o gasto nos sectores máis castigados pola crise: comercio, hostalería, sector cultural, taxi e salóns de peiteado e estética. En total destinaremos preto dun millón de euros que estamos seguros que de conseguirán impulsar as vendas como ocorreu o ano pasado.
Un plan de recuperación económica que non desenvolveu nesta dimensión ningún concello de Galicia e que se complementa co noso propio esforzo inversor, entre xaneiro e xuño deste ano o Concello da Coruña foi o primeiro concello en Galicia en licitación de obra pública, licitando en seis meses, só en obra pública, 20,7 millóns de euros e coa consolidación e xeración de emprego público, esta mesma semana a Alcaldesa da cidade, Inés Rey anunciaba a aprobación de 53 prazas de emprego público no Concello.
Cos limitados recursos dos que dispoñemos con respecto a outras institucións, dende a Coruña estamos demostrando que as Administracións Locais poden e deben xogar un papel relevante na dinamización económica.