Bases sólidas para un próspero 2022
A economía dun concello non pode nin debe pivotar sobre un único sector, mais é unha boa nova que o da construción volva ter pulso
Entre os indicadores que revelan como evoluciona a economía dunha cidade figura nun lugar destacado a concesión de licencias. A Coruña pecha o ano 2021 con datos que levan a interpretar a actual situación con certo optimismo. O exercicio remata coa concesión de 764 licencias de obra, das que 15 se corresponden con grandes promocións que superan os 1,2 millóns de euros de orzamento. A economía dun concello non pode nin debe pivotar sobre un único sector, mais é unha boa nova que o da construción volva ter pulso, porque ao final a oferta só se crea cando existe demanda, e o retorno da oferta, sostido no tempo, evidencia que na Coruña existe ese músculo económico. O dato de licencias cobra máis sentido contemplado con certa perspectiva.
No ano 2020 déronse 729 licencias e no 2019, ano previo á pandemia, 679. Máis alá da evidente influencia que neste ámbito ten a situación económica xeral dun país, o certo é que desde o local cómpre sempre tomar medidas para facer dun municipio un lugar máis atractivo para atraer inversores e empresas que xeren actividade económica. Inés Rey ten apostado por ese modelo na Coruña. O incremento da actividade, ao final, supón un aumento de recursos públicos para poder ofrecer máis e mellores servizos, e contribúe tamén á dinamización do mercado laboral axudando así a mellorar tamén a vida das persoas.
No ano 2020 superamos os 212 millóns de euros en licitacións e adxudicación
O feito de que durante este ano o Concello da Coruña concedera 1.070 licencias de actividade evidencia tamén o pulo da cidade como un dos principais motores da economía galega.
Desde o público temos a obriga de facilitar a xeración de actividade económica. Fixémolo dinamizando a contratación pública, é dicir, aumentando os recursos dedicados a actuacións e servizos: mellor para os cidadáns e mellor para o tecido económico. No ano 2020 superamos os 212 millóns de euros en licitacións e adxudicación, datos sen precedentes e que sen dúbida repercuten na mellora da situación económica da cidade. É preciso recordar tamén que na Coruña aínda está activo, ata a semana que vén, o segundo PRESCO, axudando tamén a que a crise sanitaria non pasara unha factura aínda maior ao pequeno comercio.
Ningún concello apostou coa claridade e potencia con que o fixo do da Coruña por destinar recursos propios a plans de recuperación, chegando aos 20 millóns de euros destinados principalmente a axudas e a incentivos ao comercio. Saír da situación xerada pola pandemia é esencial, e na Coruña temos indicadores que evidencian que vamos no bo camiño. Non só desexamos a todos un próspero 2022, senón que dende o Goberno municipal fixemos todo canto estivo na nosa man para que así sexa.