Ágora, unha década insuflando vida
Agochado detrás do urbanismo dos anos 60 e 70, no corazón das rúas con maior densidade de poboación da Coruña e de Galicia, existe un edificio único, un inmoble de máis de 10.000 metros cadrados que este mes cumpre dez anos de vida, o Ágora
Hai cidades importantes con grandes centros de arte contemporáneo, museos ou bibliotecas de primeiro nivel, inmobles de vangarda que aportan vida aos municipios nos que se enclavan e que mesmo teñen pasado a ser imaxe icónica da súa urbe. O MUSAC, en León, é un bo exemplo, ou por subir de tamaño, o Guggenheim en Bilbao ou o centro Pompidou en París. Son exemplos de nova arquitectura que terminaron formando parte da identidade da cidade na que se ubican. Hai moitos máis exemplos en todas as grandes capitais.
Do que non hai exemplos é de arquitecturas tan singulares e poderosas como representación dun barrio. Iso só o podemos atopar na Coruña, no Agra do Orzán. Agochado detrás do urbanismo dos anos 60 e 70, no corazón das rúas con maior densidade de poboación da Coruña e de Galicia, existe un edificio único, un inmoble de máis de 10.000 metros cadrados que este mes cumpre dez anos de vida, o Ágora. Para calquera que veña doutras coordenadas do país, pode semellar unha ilusión, pero non o é. Non o é porque un goberno socialista decidiu darlle un pulo a un barrio como non recibira nunca, e dotalo dunha infraestrutura cultural e social cunha excelente biblioteca e un amplo calendario de eventos e actividades de todo tipo.
O Ágora non é tan só un edificio. É un servizo público como non existe en ningún outro barrio en Galicia e, seguramente, en España e boa parte de Europa
Cumpre dez anos e faino como un lugar de referencia para a cidade, e como demostración de que existen gobernos capaces dunha altura de miras difícil de atopar. O Ágora non é tan só un edificio. É un servizo público como non existe en ningún outro barrio en Galicia e, seguramente, en España e boa parte de Europa. O espírito que o alumeou segue intacto no Goberno de Inés Rey. Desde o público é preciso compensar os desequilibrios e buscar vías para impulsar aqueles lugares que máis o precisan.
O Ágora é, se cadra o exemplo máis destacado de intervención urbana nos barrios, mais non é o único. Porque foron gobernos socialistas os que mudaron esta cidade de arriba a abaixo distribuíndo centros cívicos desde os Mallos ata o Castrillón, e motores culturais como o Fórum, que hoxe segue a enriquecer a vida dos coruñeses e coruñesas nun lugar onde antes había depósitos de combustible. Mais non toca repasar a historia de museos científicos nin de instalacións deportivas, toca falar do Ágora. No barrio máis poboado da Coruña, con cerca de 30.000 habitantes, o Ágora leva sendo durante unha década o lugar de estudo de milleiros de rapaces e rapazas, o centro onde milleiros de veciños de todas as idades asisten a cursos para mellorar a súa formación ou enriquecer o seu tempo de ocio, a casa dos concertos, do teatro e das exposicións.
O Agra xa non se entende sen o Ágora. Hai uns días unha importante multinacional da moda solicitou permiso para facer unha sesión de fotografías na Coruña. Sobran nesta cidade excelentes escenarios para iso, mais a multinacional só pedía un lugar para as súas imaxes, un único fondo: o Ágora. Pouco máis que explicar.