A transparencia non se predica, demóstrase
O de Inés Rey será o primeiro Goberno municipal da cidade en democracia que expoña ao público todos os seus contratos
Dicían os clásicos que si alguén ten que repetir moito que é unha persoa honrada, é porque non o é. Coa transparencia pasa algo semellante. Hai quen non apea a palabra da boca, contribuíndo a un mal tristemente xeneralizado nos últimos anos, o de baleirar de sentido as palabras. Por ese mesmo camiño ía a participación. Un dos seus maiores defensores confesaba hai pouco que os procedementos participativos so os convocaba cando sabía que o resultado ía referendar as súas ideas. Se tiña dúbidas, mellor sen participación.
Algúns entendemos as cousas doutra maneira. O Goberno de Inés Rey na Coruña non fixo ruído. Nin prédicas nin bandeiras para falar de transparencia. Sinxelamente, aplicouna. Hai cousas que na vida pública se presupoñen, e compartir os valores democráticos é unha delas. Facilitar que as persoas teñan aceso á xestión pública é un deber, non unha opción. E como tal o tomamos. Sen ruído e sen histrionismos.
Un informe da Universidade de Santiago vén corroborar ese esforzo: hoxe o Concello da Coruña tería unha puntuación en transparencia superior á rexistrada nos dous últimos mandatos. O de Inés Rey será o primeiro Goberno municipal da cidade en democracia que expoña ao público todos os seus contratos, todos, desde o primeiro día de mandato ata o último. Outros non o fixeron cando podían telo feito.
Hoxe na Coruña predominan os concursos abertos, que facilitan a libre concorrencia e abren a porta a todos os interesados en contratar coa Administración local. Non sempre foi así. Hoxe calquera cidadán pode coñecer todos e cada un dos procedementos de contratación na páxina web do Concello. Tampouco foi así sempre.
Hoxe na Coruña acontece o que tiña que ser normal e non o era. E como tiña que ser normal, como tal o tratamos. De nada serve sacar pancartas e adhesivos se ao final o que dis defender é ben distinto do que defendes. Haberá quen se deleite na prédica da transparencia, nós aplicámola.