A débeda sanitaria do PP
Dous anos despois dunha pandemia que puxo ao límite aos profesionais sanitarios, o noso sistema público de saúde está extenuado
Cando comezamos a levantar a cabeza da crise da Covid faise necesario e urxente facer balance da situación sanitaria na comunidade e preparar o Sergas para reverter anos de recortes.
En marzo do 2019 cando o virus apareceu nas nosas vidas, o sistema sanitario galego xa estaba debilitado. Agora, dous anos despois dunha pandemia que puxo ao límite o noso sistema e aos profesionais sanitarios, o noso sistema público de saúde está extenuado.
A ampliación do CHUAC, necesaria e imprescindible, non salda a enorme débeda sanitaria que o PP ten con Galicia
Cando Feijoo saca peito de cómo respondeu o sistema galego á crise, erra na diagnose, os servizos de saúde estiveron ao borde do colapso e conseguiron atender a situación deixando de lado o non urxente e cun esforzo titánico dos seus profesionais. A pandemia permitiunos comprobar a gran calidade profesional e humana do persoal sanitario e non sanitario, que en desbordadas, tensionadas e complexas circunstancias precipitadas sen previo aviso, foron un exemplo para a sociedade.
Esta semana o presidente sainte da Xunta presentaba a ampliación do CHUAC como a grande infraestrutura sanitaria de Galicia, o que non facía mais que ratificar que foron necesarios 13 anos de gobernos do PP para que se abordase esta tan necesaria infraestrutura. Mais esta nova dotación, necesaria e imprescindible, non salda a enorme débeda sanitaria que o PP ten coa nosa comunidade.
É necesario reforzar o noso sistema, cubrir as baixas do persoal e mellorar as condicións dos profesionais para conseguir que o noso sistema de resposta a todas as persoas que se viron relegadas a un segundo plano ou a unha atención inadecuada. Na situación actual precisamos afrontar solucións excepcionais para recuperar o pulso previo.
E nesta ocasión non valen escusas para non facelo é necesario recordar que para atender o incremento de necesidades da pandemia o Goberno de España transferiu ás CCAA, incluída Galicia en torno a 13.000 millóns de euros para os servizos sanitarios.
Os galegos necesitamos un goberno presente, que asuma as súas competencias e enfronte os problemas con seriedade e rigor, pero sobre todo queremos e precisamos un sistema sanitario público e de calidade que non deixe abandonados á súa sorte nin aos profesionais nin aos pacientes. É urxente tomar medidas e reforzar o noso sistema sanitario de forma inmediata.