A Coruña recupera a alegría
A hostalaría e o pequeno comercio de rúa notaron, sen dúbida, os efectos dun verán cunha afluencia de visitantes sen precedente en moitos anos
A guerra en Ucraína e a incertidume que orixina, e mesmo a vaga de calor e os incendios, marcaron o devir dos últimos meses. Mais a vida, como sempre, ten que abrirse camiño buscando tamén esa parte positiva, porque tamén hai motivos, e moitos, para celebrar.
Este verán a cidade da Coruña recuperou a alegría, e fíxoo da man dun Goberno municipal, o de Inés Rey, entregado en ofrecer unha programación de ocio de calidade para absolutamente todos os públicos. Desde as Noites de María Pita ao Noroeste; desde as festas nos barrios (que aínda non remataron) ata a Semana Clásica; desde a Batalla Naval ata o teatro clásico.
E moito máis. A Coruña desbordou música por todos os barrios, con cheos constantes en cada concerto, en cada evento, e con máis de medio millón de asistentes aos principais ciclos organizados polo Concello. Nun tempo de tribulacións como o que estamos a vivir, a programación estival deunos un necesario respiro. Había fame de concertos, de estar nas rúas, de gozar, de compartir momentos coa familia e cos amigos e amigas. O obxectivo está cumprido cunhas festas exemplares que non só serviron para recuperar a alegría, tamén contribuiron de xeito decisivo á dinamización económica de moitos sectores que, despois da pandemia, precisaban tamén ventos propicios.
A hostalaría e o pequeno comercio de rúa notaron, sen dúbida, os efectos dun verán cunha afluencia de visitantes sen precedente en moitos anos. As festas, ademais, contribuíron de xeito decisivo á promoción dunha cidade, a nosa, que volve ser referente indiscutido no norte de España pola súa oferta cultural e de ocio e, por suposto, polos seus encantos. As rúas cheas durante todo o día son a mellor proba do crecente atractivo da Coruña, destino turístico nacional e tamén internacional.
E será máis internacional aínda despois do último concurso convocado polo Concello a través do Consorcio de Turismo. Por primeira vez na súa historia, Alvedro terá cinco conexións en outros tantos países, cinco pontes para permitir aos coruñeses e coruñeses enlazar en voo directo co resto do mundo (a través de Londres, París, Ámsterdam, Milán e Xenebra) e para dar facilidades ao resto do mundo para visitarnos.
Sobran os motivos, como quedou patente este ano, para cursar visita, e o verán que vén poderemos certificar que o éxito nas festas deste ano non foi un fito puntual, senón unha tendencia que non vai decaer nunha urbe cada vez máis atractiva e cada vez máis puxante. Unha cidade, en definitiva, moito máis viva, unha cidade que recupera a alegría.