A Coruña, motor económico de Galicia
Queda moito por facer, mais coido que hoxe vivimos nunha cidade máis atractiva para quen queira emprender nela, unha cidade con máis espazos peonís, con maior actividade económica e cun carácter aberto e dialogante
Rematan dous anos moi difíciles para os cidadáns e tamén dous anos complexos para as administracións. Unha pandemia como a que estamos a vivir cambiao todo, e obriga tamén a mudar e adaptar plans e a enfocar a acción do Goberno cara outras metas distintas das inicialmente precisas.
Mais o que non mudaron foron as bases que sentou Inés Rey coa súa chegada ao Goberno: as administracións non poden ser unha pexa para o desenvolvemento económico, senón todo o contrario. A función dun concello ten que ser acompañar, axudar e axilizar para que as persoas poidan desenvolver os seus proxectos vitais, porque as cidades non son dos gobernos, senón dos cidadáns.
Un concello ten que funcionar como catalizador da actividade económica, contribuíndo a xerar riqueza e oportunidades. Malia a pandemia, o Concello da Coruña adoptou esas premisas e puxo as bases para que na segunda metade de mandato -desexamos que xa sen as restricións da Covid-19- a cidade avance a velocidade de cruceiro.
O investimento público elevouse substancialmente ata unha das cifras máis altas dos últimos mandatos, igual que o esforzo na contratación de servizos. Sirvan como exemplo os máis de 37 millóns de euros anuais na normalización de contratos vencidos, contratos dos que dependen 840 traballadores.
A segunda metade do mandato arrincará, agardo, cun novo Presco, mais tamén co desexo de deixar atrás unha época moi dura
Avanzamos nestes dous anos cara unha cidade máis áxil, adaptándonos ao século XXI. Desde a instauración do sistema de cita previa para racionalizar os tempos de espera dos cidadáns ata a mellora dos trámites a través da sede electrónica, a través da cal se poden realizar ata 85 trámites sen necesidade de desprazamentos.
A posta en marcha da aplicación que permitirá pagar o bus urbano sen tarxetas será tamén unha aposta pola mellora e modernización dos servizos, unha necesidade que, se cadra, puxo especialmente de manifesto a pandemia. Tamén dela aprendemos.
O Concello da Coruña puxo en marcha no 2021 un plan de rescate, o Presco, pioneiro en Galicia e en España, un plan que contou co apoio e aportacións da oposición, aos que agradezo o compromiso, nomeadamente ás forzas de esquerdas que determinaron a investidura de Inés Rey no 2019. A segunda metade do mandato arrincará, agardo, cun novo Presco, mais tamén co desexo de deixar atrás unha época moi dura.
Queda moito por facer, mais coido que hoxe vivimos nunha cidade máis atractiva tamén para quen queira emprender nela, unha cidade con máis espazos peonís, con maior actividade económica e cun carácter aberto e dialogante. Unha cidade que renova os seus espazos públicos e que crea novas infraestruturas. Quedan dous anos especialmente ilusionantes nos que o Goberno de Inés Rey fará todo o que sexa preciso para que o futuro da Coruña sexa un futuro luminoso, o futuro que merece o motor económico de Galicia.