A Coruña, epicentro do audiovisual galego
"Pretendemos converter A Coruña nun gran plató de cinema facilitando e axilizando aos equipos de produción de longametraxes"
Nos últimos anos, a cidade da Coruña converteuse, tanto por número de empresas instaladas coma por postos de traballo creados, no epicentro do audiovisual galego. A organización dos Premios Mestre Mateo, consciente desta realidade, decidiu realizar o recente acto de entrega destes galardóns no Teatro Colón.
Desde o grupo de goberno do Concello da Coruña, encabezado pola propia rexedora, Inés Rey, apostamos de forma contundente por reforzar os vínculos entre a cidade e o eido audiovisual. Por este motivo, vimos de colaborar recentemente na organización da II Semana do Cinema Galego, un encontro no que precisamente se proxectaron algúns dos filmes que foron finalistas nos Premios Mestre Mateo.
A Coruña é o epicentro do audiovisual galego tanto por número de empresas como por postos de traballo
Neste sentido, a intención do Goberno local é que a Semana do Cinema Galego se poida converter, ano tras ano, nun punto de encontro profesional para o sector e nun referente que traspase as fronteiras locais e autonómicas, para converterse nunha cita nacional.
Somos conscientes do papel estratéxico que o sector audiovisual ten non só no ámbito cultural galego, en xeral, senón no da Coruña, en particular, cidade que alberga aproximadamente o 22% das empresas galegas do sector.
A cidade da Coruña alberga aproximadamente o 22% das empresas galegas do sector
Xunto a isto, pretendemos converter A Coruña nun gran plató de cinema facilitando e axilizando aos equipos de produción de longametraxes, curtas e pezas audiovisuais de diferente tipo os permisos municipais pertinentes para que poidan gravar na cidade. Marco no que estamos a desenvolver o proxecto da Coruña Film Office para promover as rodaxes de cinema, televisión e publicidade na cidade.
Hai exemplos recentes de películas, como pode ser o caso de El Desconocido de Dani de la Torre, que amosan o potencial que a nosa cidade ten coma escenario cinematográfico. Outro filme recente da aclamada directora Isabel Coixet sitúa a cidade da Coruña no centro mesmo do seu argumento. Estamos a falar de Elisa y Marcela, unha película icónica que recolle a trama arredor do primeiro matrimonio entre dúas mulleres a principios do século XX.
A pandemia lastrou particularmente ao sector cultural, en xeral, e ao audiovisual, en concreto. É imprescindible que a Xunta poña en marcha medidas económicas de apoio ao sector proporcionais ao seu impacto socioeconómico, a súa proxección nacional e internacional e a súa labor como garante da lingua e do patrimonio cultural galego.
Non podemos esquecer que o audiovisual en xeral, e o cinema en particular, ten non só un poder evocador, senón que axuda a conformar o pensamento crítico. Que logre axudarnos a cuestionar e a repensar a realidade dende diferentes ángulos e puntos de vista, ha de ser non só aplaudido, senón tamén fomentado desde as diferentes administracións. No Concello da Coruña témolo claro.