A Coruña, epicentro cultural
O Morriña fest amosou que o Estadio de Riazor pode ser un recinto perfecto para a celebración de grandes eventos e espectáculos musicais
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey marcouse como obxectivo que A Coruña volvese a ser o epicentro cultural do noroeste de España, que a cidade recuperase o seu espazo como referencia para os eventos culturais de impacto nacional e internacional.
Temos a capacidade, o coñecemento e as infraestruturas para poder facelo porque ademáis do Coliseum acabamos de amosar, 29 anos despois co Morriña Fest, que o Estadio de Riazor pode ser un recinto perfecto para a celebración de grandes eventos e espectáculos musicais. Arredor de 50.000 persoas desfrutaron durante dous días dos 11 concertos programados e das seis actuacións de artistas locais celebradas no Andén de Riazor.
2022 será recordado como o ano da recuperación dos grandes concertos na cidade. Nomes como os de Van Morrison, Black Eye Peas, Texas, Simple Minds, Maluma, Camilo, Luis Fonsi, Alejandro Sanz, C Tangana, Joan Manuel Serrat ou Rosalía falan da capacidade da nosa cidade por atraer aos grandes artistas do panorama nacional e internacional.
Mais a aposta do goberno local pola cultura non se queda nos grandes nomes internacionais, o Noroeste, un dos festivais públicos gratuítos máis importantes de España, terá un potentísimo cartel que presumirá de acento galego e contará cunha poderosa presencia feminina. De feito, das 49 propostas que presentamos, 23 están lideradas por mulleres.
49 concertos que abranguen desde o pop, rock, jazz ou blues ata músicas experimentais, urbanas ou de raíz, con bandas e intérpretes de primeiro nivel que nos levarán a ateigar Riazor pero tamén chegarán ás prazas e espazos máis emblemáticos da cidade e que veñen a sumarse aos programas do Resis, Corufest, Atlantic Pride e Mais que Jazz xa celebrados con grande éxito de público.
A aposta do goberno local pola cultura é evidente porque ademais sitúa a cidade no mapa de destinos turísticos favorecendo a operadores turísticos, hostalería, comercio, produtores e xestores culturais, artistas, técnicos, proveedores, salas de concertos… A cultura é riqueza e un dinamizador económico fundamental para a recuperación económica e social da cidade, dunha cidade que nos amosa, en cada gran evento, que sempre responde con entusiasmo e responsabilidade.