A Coruña como modelo de reactivación
O executivo autonómico non actuou sobre o tecido económico ata decembro do 2020, para entón o Concello da Coruña estaba a pechar o seu primeiro PRESCO
Cando os cidadáns da Coruña saíron das súas casas tralo longo confinamento do 2020, as únicas axudas que estaban en vigor eran os ERTES aboados polo Estado e que evitaron que a crise sanitaria desembocara nunha crise social sen precedentes. Eran precisas máis accións para reactivar, nun momento tan delicado, a economía a todos os niveis, tamén ao local. O Goberno de Inés Rey foi o primeiro en dar un paso á fronte co primeiro PRESCO. Foi un paso valente e necesario ante a incomparecencia da Xunta que, malia ter as competencias, mantívose durante meses á marxe da situación fóra do ámbito sanitario.
O executivo autonómico non actuou sobre o tecido económico ata decembro do 2020, para entón o Concello da Coruña estaba a pechar o seu primeiro PRESCO. A Xunta anuncia agora a posta en marcha dun bono para incentivar o consumo no sector cultural. É unha boa nova que unha vez máis copie o modelo dos bonos postos en marcha polo Concello da Coruña. O Goberno de Inés Rey non quere ter a exclusiva e leva tempo explicando o seu modelo a quen se interesa por el. Mais é importante recordar un feito significativo: a Xunta chega con máis dun ano de retraso. Hai doce meses os coruñeses empregaban xa os bonos culturais municipais, axudando a reflotar a un sector que entón precisaba máis apoio que nunca. Hoxe en día os cidadáns están a empregar de novo bonos culturais do Concello da Coruña grazas ao novo PRESCO. É o segundo plan de reactivación do consumo no sector da cultura da cidade, o segundo cando a Xunta aínda está a anunciar o primeiro.
«Que a Xunte copie o modelo coruñés é un refrendo ao traballo feito pola corporación, mais postos a copiar podían telo feito antes e mellor»
Que a Xunte copie o modelo coruñés é un refrendo ao traballo feito pola corporación, mais postos a copiar podían telo feito antes e mellor. O seu bono de comercio chegou tamén cun ano de retraso e ademais resulta menos ambicioso na súa aplicación. Bótase de menos tamén que o executivo autonómico non se fixe noutros sectores que si contemplamos na Coruña, onde temos activos plans de incentivos ao consumo tamén para a hostalaría, o taxi e os salóns de estética e peiteado.
Mais o que buscamos non é o recoñecemento, senón a utilidade pública. Por iso levamos investidos 20 millóns de euros en plans de reactivación económica e no escudo social, e por iso ofrecemos o noso modelo a todo aquel que o queira implantar. Sería bo, iso si, que a Xunta evitara máis demoras, e que actuara nestes intres con maior ambición, levando os seus bonos a máis sectores, afinando as bases para incentivar a facturación extraordinaria dos pequenos negocios (non a ordinaria, que xa teñen garantida) e elevando a porcentaxe de compra a subvencionar para fomentar realmente o consumo. Ao final trátase de ser útiles aos cidadáns, e celebramos que a Xunta súmese ás medidas de apoio que outros xa tiñamos en marcha. Máis vale tarde que nunca