A Coruña, capital mundial da innovación e a tecnoloxía
Ecosystems 2030 situounos como referencia fóra das nosas fronteiras pero sen deixar de lado a oportunidade dos coruñeses de participar nel
Preto de 50 altos executivos e líderes de algunhas das organizacións máis influintes do mundo como Google, Microsoft, Samsung, IBM, o Foro Económico Mundial e Nacións Unidas, déronse cita na Coruña para abordar de forma integral os retos de futuro que presenta o sector tecnolóxico. O evento de innovación máis transformador de 2022 elixiu a cidade da Coruña como sede para a celebración do seu Congreso Ecosystems2030.
Un feito que non se tería dado sen a visión da alcaldesa Inés Rey de converter A Coruña no polo tecnolóxico de referencia de Galicia. Lembro que xa en 2019, cando chegou á Coruña a oportunidade de construír a Cidade das TIC, xa sinalaba que “por primeira vez en moitos anos A Coruña tiña sobre a mesa un proxecto verdadeiramente revolucionario, que axudaría a reposicionar a cidade no panorama industrial e abriríalle as portas ao século XXI”.
Esta é a diferenza de comprometerse co futuro e non de comprometer o futuro, ter visión e apostar polos proxectos que claramente farán avanzar a cidade. Ter un modelo claro de cidade e poñer toda a maquinaria a funcionar para pasar a ser unha cidade modelo.
Ecosystems 2030 cumpriu ademais un dobre obxectivo, situounos como referencia fóra das nosas fronteiras pero sen deixar de lado a posibilidade de ofrecer aos coruñeses e coruñesas a oportunidade de participar nel.
Por iso quixemos que existise a posibilidade de crear un relatorio aberto á cidadanía, para que calquera coruñés ou coruñesa tivese a oportunidade de gozar deste encontro. Unha oportunidade que foi, ademais, un gran activo para o ecosistema empresarial local. Durante a xornada puideron interactuar con líderes e expertos de gran influencia, compartindo experiencias e ideas futuras, adquirindo valiosas claves para os seus proxectos. Un encontro idóneo no que puideron descubrir novas ferramentas tecnolóxicas que poden ser adaptables aos seus negocios e continuar desta forma transformando a cidade, entre todos e todas, nunha referencia en materia de innovación e dixitalización.