A Coruña, capital de grandes eventos
Ademais do retorno económico que supuxo para o comercio e hostalería da cidade, o encontro entre España e Islandia proporcionounos a posibilidade de amosar a capacidade e fortaleza da nosa cidade en organización de grandes eventos

Los jugadores de la selección española, al término del partido amistoso ante Islandia disputado este martes en el estadio de Riazor, en A Coruña. EFE/Lavandeira
O pasado mes de xaneiro a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentaba en Fitur as potencialidades da nosa cidade para situarse de novo no mapa dos grandes destinos nacionais mediante a posta en marcha dun modelo turístico que apostase polo turismo de grandes eventos e pola programación cultural. Esta semana podiamos comprobar que a estratexia deseñada comeza a dar os seus froitos e xa vimos os primeiros feitos que así o corroboran. A cidade acolleu, despois de 13 anos, un partido da selección española. A Coruña presentou a súa candidatura e foi escollida pola Federación de Fútbol para ser a sede do partido España-Islandia, antesala do próximo mundial de Catar. A cidade volcouse co acontecemento mais tamén o fixeron o resto de afeccionados que se desprazaron á Coruña procedentes de toda Galicia para asistir ao partido enchendo o estadio de Riazor chegando case as 30.000 persoas. Ademais do retorno económico que supuxo para o comercio e hostalería da cidade, o evento proporcionounos a posibilidade de amosar a capacidade e fortaleza da nosa cidade en organización de grandes eventos e posicionarnos como destino turístico a nivel nacional e internacional grazas á retransmisión do encontro por RTVE que contou cunha audiencia de 2,7 millóns de persoas. Turismo de grandes eventos que se consolida con encontros de relevancia internacional como o partido da selección ou co congreso Ecosystems 2030 que terá lugar en xuño e que traerá a nosa cidade aos máis relevantes referentes mundiais en innovación tecnolóxica.
E en segundo lugar, a aposta cultural como gran polo de atracción de visitantes á nosa cidade, está a permitir a incorporación da Coruña ao circuíto de grandes concertos internacionais. Van Morrison estreábase esta mesma semana como a primeira das grandes citas musicais internacionais das que poderemos desfrutar este ano na cidade e que nos situarán de novo no mapa de referencia musical do noroeste español. Temos a capacidade, o coñecemento e as infraestruturas porque ademais do Coliseum queremos potenciar o estadio de Riazor como recinto para a celebración de grandes eventos e espectáculos musicais. Turismo de grandes eventos e cultural que nos levará a recuperar o noso papel tractor como auténtico motor cultural de Galicia.