A Coruña, a mellor sede para a AESIA
A candidatura coruñesa pon de relevo a importancia da cidade como polo de atracción tecnolóxico
O traballo feito desde o Concello da Coruña e desde as institucións públicas e privadas coruñesas ten dado os seus froitos coa selección da cidade, por parte do Nodo galego de Intelixencia Artificial, como candidata galega a albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).
Foi a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a que impulsou unha candidatura da que fixo partícipe ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a súa estadía na cidade este mesmo mes. O apoio municipal a dita candidatura é indubidable e firme e o obxectivo moi claro: que a Axencia quede na Coruña e contribúa de xeito importante a xerar actividade económica e riqueza e a apuntalar o papel da cidade como o que xa é, a capital galega das novas tecnoloxías.
É certo que A Coruña competirá agora con outras importantes cidades españolas que lexitimamente aspiran ao mesmo fin, mais estábamos convencidos de que a nosa era a mellor proposta de Galicia e estamos convencidos tamén de que é a mellor proposta das que se presentan no ámbito nacional. Por suposto, non podemos dar todo por feito, queda moito por facer e resulta máis necesario que nunca que todos, desde os grupos ata o texido social e económico, vaimos na mesma dirección.
Estábamos convencidos de a nosa era a mellor proposta de Galicia
A Corporación xa aprobou por unanimidade a proposta do Goberno municipal, e a Xunta finalmente abandonou a súa ambigüidade e, cos datos na man, asumiu a candidatura coruñesa. Agardamos que agora teña tamén o necesario papel proactivo que se espera dun Goberno autonómico nun asunto tan relevante non só para a cidade, senón para toda Galicia e para o resto de España. Basta recordar que se trata dunha axencia estatal.
A candidatura coruñesa pon de relevo non só a importancia da cidade como polo de atracción tecnolóxico. Pon de masnifesto tamén un feito relevante no que o executivo de Rey leva traballando desde o minuto un deste mandato: A Coruña destaca cada vez máis no mapa, e o fai en moi diversos ámbitos, desde a cultura e a música ata a economía, pasando por citas tan relevantes como o recente cume hispano alemán.
A Coruña é un referente, unha cidade que aspira a ser cada día máis puxante e atractiva. E o está a conseguir, recuperando un terreo que durante anos perdera. Ser un referente permite atraer investimentos e servizos e, en resumo, recursos que permitan dotar á urbe dunha maior calidade de vida. É importante que os cidadáns estean orgullosos do lugar no que viven, que compartan un sentimento de pertenza a unha terra. O é porque iso crea comunidade e impulsa a cidade cara adiante. Na Coruña vamos pola boa senda.