A boa política
Tan relevante como o investimento é que os dous plans de recuperación económica e social teñan sido aprobados co apoio de toda a Corporación da Coruña
O Concello da Coruña foi pioneiro en Galicia, e dos primeiros de España, en contar o ano pasado cun plan de recuperación económica e social (PRESCO). Foi tamén o concello galego que foi máis lonxe nas súas aportacións económicas, á cabeza de España tamén fóra das grandes cidades.
Aquel plan naceu como axuda indispensable para as persoas máis afectadas polos efectos da pandemia na cidade. As circunstancias mudaron substancialmente desde entón. Os cidadáns xa non están confinados, o tecido produtivo, salvo excepcións, recuperou certa normalidade, e a Xunta asumiu por fin o seu papel e inviste tamén en axudas directas aos colectivos máis danados, axudas que seguramente quedan curtas, e por iso o Concello da Coruña acompañará de novo aos seus cidadáns cun investimento de 6.260.000 euros no novo PRESCO.
Só os dous plans de reactivación, aos que hai que sumar no primeiro 1,2 millóns de euros da Deputación da Coruña, superan os 20 millóns de euros. Non é unha cantidade menor, ningún Goberno nas últimas décadas afrontou neste Concello un investimento de dita magnitude. Mais creo que tan relevante como o investimento é que os dous plans teñan sido aprobados co apoio de toda a corporación.
Sabemos todos sobradamente que non é fácil chegar a acordos, porque cada un ten unha idea distinta do que cómpre facer. Máis difícil é selar un acordo entre cinco grupos distintos, como sucedeu na Coruña.
Inés Rey ten feito do diálogo con todas as forzas políticas un sinal de identidade do seu mandato e a aprobación, de novo por unanimidade, deste Plan de Recuperación Económica e Social é unha boa mostra desa capacidade de chegar a acordos en favor da cidade.
Todos os grupos políticos presentes no Concello da Coruña foron capaces de actuar con altura de miras en defensa do interese colectivo. Sabemos todos sobradamente que non é fácil chegar a acordos, porque cada un ten unha idea distinta do que cómpre facer. Máis difícil é selar un acordo entre cinco grupos distintos, como sucedeu na Coruña.
Creo que é un exemplo da boa política, da política con maiúsculas da que se ven poucos exemplos nun momento no que todo parece ser branco ou negro
O PRESCO é unha boa iniciativa porque está deseñado para chegar aos colectivos que mais o precisan con axudas directas aos autónomos e pequenos empresarios ou mediante incentivos á consumo pero tamén o é porque é un plan de todos, de toda a corporación, enriquecido coas aportacións de todos os grupos e nos momentos convulsos polos que pasa a política neste país, iso non é pouca cousa.
Creo que é un exemplo da boa política, da política con maiúsculas da que se ven poucos exemplos nun momento no que todo parece ser branco ou negro e no que a posibilidade de chegar a acordos entre partidos tan diferentes coma o PSOE, o PP, Marea ou o BNG parece case imposible. Hoxe na Coruña demos de novo exemplo, demostrando que somos capaces de deixar a disputa política a un lado e traballar conxuntamente en favor da recuperación económica e social da cidade.