Accións integrais para as cidades sostibles
A análise realizada no Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia permite extraer algunhas conclusións e tamén detectar algunhas carencias que advirten de que é urxente unha planificación integral, holística e ambiciosa para avanzar na construción de cidades sostibles.
Podería ser peor. Pero tamén hai amplas marxes de mellora. Ese é o panorama que pinta o Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia , un esforzo de investigación sociolóxica baseado nos datos estatísticos dispoñibles que permite compoñer unha fotografía da realidade das principais cidades galegas e dos pasos dados para a construción dun planeamento urbanístico de acordo cos principios de sustentabilidade.
O estudo presenta datos aceptables, de “aprobación xeral”, segundo sostén Xosé Gabriel Vázquez, coordinador do proxecto. Non obstante, a análise permite extraer algunhas conclusións e tamén detectar algunhas carencias que advirten de que é urxente unha planificación integral, holística e ambiciosa para avanzar na construción de cidades sostibles que contribúan de forma decisiva á loita contra o cambio climático .
Algúns claros exemplos son cidades como Pontevedra e Santiago de Compostela, dous casos claros de aposta pola peonalización e o afastamento dos coches do centro urbano, pero que presentan datos deficientes sobre o transporte público ou o acceso á vivenda. A análise da vivenda indica que A Coruña e Vigo son as cidades con mellores indicadores e están por riba da media en transporte público, aínda que obteñen as peores notas de contaminación atmosférica e acústica.
Para transformar as principais cidades galegas en espazos plenamente sustentables, as autoridades deben actuar de xeito integral en todos os ámbitos e planificar a longo prazo.
Estes datos indican que as cidades realizan esforzos notables nalgunhas áreas da sustentabilidade, pero relaxan a súa atención noutras . Porén, para transformar as principais cidades galegas en espazos plenamente sustentables, as autoridades deben actuar de xeito integral en todos os ámbitos e planificar a longo prazo. Se non, o risco é que os esforzos realizados, sexa na peonalización, na mellora do transporte público ou na creación de novos espazos verdes, se convertan nunha pedra nun estanque, xerando ondas na superficie, pero insuficientes para modificar o estado da auga.
Son tempos de avaliacións para os entes locais e é o momento de que asuman con ambición a necesidade de desenvolver proxectos de transformación urbana que convertan as cidades en espazos sostibles. É fundamental actuar no transporte público e reducir os desprazamentos en vehículos de combustión , con novas propostas de mobilidade, como o uso de bicicletas con máis carril bici ou patinetes, ademais da instalación de puntos de carga para coches eléctricos.
Tamén se debe promover o acceso aos espazos verdes e facilitar a peonalización das cidades , ademais de mellorar a xestión dos residuos urbanos e reducir a contaminación das augas. Así mesmo, é imprescindible apostar por unha arquitectura totalmente sostible, a través da rehabilitación dos edificios existentes para facelos máis eficientes e apostar pola construción de novos con materiais que nos permitan acadar a neutralidade nas emisións de CO2 (madeira, etc.) e de acordo cos criterios Passivhaus, para reducir as necesidades de aire acondicionado.
Para ser sostibles, as cidades tamén deben traballar para garantir a igualdade, a integración social e a formación de todos os membros da comunidade. Por iso, deben poñer en marcha medidas que faciliten o acceso a dereitos básicos, como a educación, a sanidade ou a vivenda.
Esta batalla afecta tamén ao conxunto da sociedade, porque a cidadanía debe manter unha actitude esixente ante as autoridades na aplicación destas medidas e, ao mesmo tempo, comprometerse en todos os seus ámbitos de actuación, xa sexan domésticos, sociais ou de desenvolvemento da actividades económicas, para acadar a sustentabilidade dos espazos urbanos.
A axeitada xestión dos recursos, o maior uso do transporte público, a redución dos desprazamentos en vehículos de combustión, a aposta por fogares sostibles e unha maior aposta pola economía circular e o comercio local, son algúns aspectos da vida cotiá nos que se pode incidir directamente.
Tal e como demostra o Atlas Urbano de Sostibilidade en Galicia , a mala calidade do aire, provocada pola contaminación atmosférica, a contaminación das augas (mala xestión dos residuos) ou o non gozar de espazos verdes aumenta as taxas de mortalidade. Polo tanto, trátase de promover a construción de cidades plenamente sostibles porque aposta por mellorar a nosa calidade de vida . E pola vida mesma.