Venancio Salcines: “Esta revolución enerxética é a primeira que Galicia encara coa cabeza alta”
O presidente do conselleo reitor de Cesuga ve Galicia nunha posición destacada para abordar a transición enerxética e para pechar o círculo de procesos produtivos, reducindo deste xeito a súa dependencia do exterior
A Toxa prepárase para albergar unha nova edición do Encontro. O gran evento económico de Galicia reunirá a máis de 500 asistentes entre os días 13 e 14 de xullo e terá como relatores a primeiras espadas do mundo empresarial, académico e da Administración pública.
O Encontro arrincará ás 18.00 horas deste xoves cunha inauguración que a cargo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do consello reitor de Cesuga, Venancio Salcines. En declaracións a Economía Digital Galicia, Salcines amosouse feliz por conseguir dotar a esta nova edición do Encontro dun programa cun cento de expertos que serán protagonistas dun debate de ideas que terá como fío condutor a economía e todas as súas ramificacións. Entre elas, o futuro da industria, propostas para mellorar o mercado laboral, as perspectivas de futuro para sectores clave en Galicia como o madereiro ou o pesqueiro ou a aposta pola sostibilidade.
Na cita analizaranse os principais retos e oportunidades que emerxen no horizonte de Galicia nun contexto marcado por unha inflación que, segundo Salcines, xa está a amainar, e por unha revolución enerxética na que Galicia parte nunha posición destacada. «Estamos nunha etapa de moderación da inflación. Será cada vez menor», explicou Salcines.
Segundo o presidente do consello reitor de Cesuga, a alza xeralizada dos prezos foi outro dos efectos da pandemia. «A oferta estaba tocada e a demanda rebotou de xeito repentino», xerando así unha presión sobre materias primas, produtos finais e transpore que desatou unha escalada de prezos que posteriormente se viu acelerada pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.
A estes factores conxunturais súmase un de carácter estrutural. Trátase do cambio de ciclo en China para pasar de país produtor a país consumidor, coincidindo co seu florecemento económico e a relaxación da súa histórica política de fillo único. «Materias primas que ían para as fábricas de alí para ser transformadas xa non van volver», sentenza Salcines, que considera que este factor, unido ás tensións na cadea de subministración como consecuencia do Covid-19 reforzan a necesidade de apostar pola industria local.
«A Unión Europea debe tecer estratexias para reducir a dependencia de China», precisou Salcines, que avoga por pechar o círculo desde a extracción de materias primas ata a súa transformación nun produto final. É por iso que o experto considera que a transición enerxética e a reindustrialización deben ir da man, abrindo, ademais, a posibilidade de que Galicia as encare nunha posición destacada.
«Galicia era rica cando o sector agrario era importante, pero a primeira revolución industrial esnaquizouna e a segunda pillounos coa posguerra. Cando morreu Franco mudou todo, pero Galicia seguía sendo a segunda comunidade máis pobre por detrás de Extremadura», sinala Salcines. Con todo, desde aquela Galicia avanzou posicións en todos os indicadores económicos e pasou a ocupar postos de metade de táboa. «Entramos á cuarta revolución e é a primeira vez que podemos encarala coa cabeza alta e para ser xogador», apuntou Salcines.
Os novos camiños da economía galega
Como exemplo das oportunidades que se presentan no horizonte de Galicia da man da transición enerxética, o presidente do consello reitor de Cesuga referiuse ás propias enerxías renovables, á minería, á industria madeireira ou ao téxtil. Salcines fixo mención á xeira de proxectos de eólica mariña nas costas galegas. Para conectar estes aeroxeradores coas subestacións eléctricas é necesario despregar un cableado polo que Salcines aposta por dotar de cobre extraído e fundido en Galicia.
Este mineral xogaría, segundo Salcines, un papel clave neste escenario. «Os coches eléctricos necesitan dez veces máis cobre que os de motores de combustión”, explicou, antes de facer referencia ao potencial de Galicia con outros minerais para este tipo de vehículos, como é o caso do cobalto ou o litio.
En relación ao sector madeireiro, Salcines ve oportunidades tanto para o piñeiro como para o eucalipto. No caso do primeiro, o presidente do consello reitor de Cesuga ve potencial para madeira construtiva. Ademais, o experto considera que «o futuro do téxtil pasa polo eucalipto» da man de proxectos como o de Altri para levantar unha planta de fibras téxtis en Palas de Rei. Algo que, ademais, crearía unha fonte de ingresos extra para as case 100.000 familias que cada ano cortan e venden eucalipto.
O téxtil é un dos sectores abandeirados da aposta pola sustentabilidade. Esta trasládase ao produto coa obtención de tecidos máis respectuosos co medio ambiente ou nos propios envoltorios, pero a materia pendente segue estando no transporte. Ademais do transporte terrestre, Salcines pon o foco na vía marítima. «Non podes facer camisas sostibles queimando fuel a 20.000 millas», reiterou. Ante a imposibilidade de que os buques se propulsen con motores eléctricos, Salcines ve o hidróxeno como o combustible de futuro para o sector. «O hidróxeno verde vai ser clave no transporte marítimo», concluíu.