Stellantis e a automoción galega acadan o seu récord histórico de ingresos en plena crise de compoñentes
A automoción galega alcanza os 11.550 millónes de negocio, máis segue a destruir emprego; Stellantis produce en Vigo o 19% dos coches que se fabrican en España
O balance do ano da automoción galega expón algúns paradoxos. O sector que lidera Stellantis e a súa industria auxiliar facturou 11.550 millóns, o seu récord histórico, malia as turbulencias que o ameazan e que teñen como mostra máis visible os paróns de actividade polos problemas na subministración de compoñentes. Por outra banda, este récord na cifra de negocio non trouxo con el unha maior ocupación. Pola contra, os empregos do sector descenden en Galicia por segundo ano consecutivo.
Os datos recompilados por CEAGA amosan que a facturación se incrementou un 3% respecto a 2021, mentres que as exportacións tamén marcaron o seu mellor dato histórico con 8.220 millóns de euros, o que supón un leve incremento do 0,7% con respecto ao ano anterior. As exportacións da industria automobilística representan o 27,5% de todo o que exporta Galicia.
Tamén subiron os investimentos, aínda que están lonxe dos seus mellores anos. Ascenderon a 134 millóns, 10 millóns máis que en 2022, máis a metade que en 2018, por exemplo. No período entre 2016 e 2019, antes da pandemia, sempre superaran os 200 millóns.
Máis volume de negocio con menos emprego
Stellantis lidera un sector que é o máis relevante en canto a fabricación do conxunto de España. A factoría de Vigo ensamblou o 19% dos coches que se produciron no Estado, situándose por enriba de SEAT Martorell (17%) e da propia planta de Stellantis en Zaragoza (17%).
Este liderado non serviu para incrementar o emprego no sector. Traballaban na industria galega da automoción 23.200 persoas a peche de 2022, 250 menos que a peche do exercicio anterior e 1.780 menos que en 2020.