Recrea Films: o audiovisual galego (tamén) triunfa en formato documental
Galicia en Primeira Persoa analiza a experiencia de Recera Films, unha produtora coruñesa que acaba de estrear 'A Virxe Roxa', unha produción 100% galega que afonda na figura de Aurora Rodríguez, quen asasinou á súa filla Hildegart en 1933
Hai anos que o audiovisual galego despegou e traspasou fronteiras no terreo da ficción. Tamén o fai, con todo, no formato do documental cinematográfico. O exemplo perfecto está na Virxe Roxa, que acaba de estrear a produtora coruñesa Recrea Films, compañía que, nacida no ano 2017, afronta a pandemia cun produto 100% galego, coa colaboración da CRTVG e de Agadic e que dá unha nova ollada ao asasinato, no ano 1933, da moza Hildegart Rodríguez, a mans da súa nai, a ferrolá Aurora Rodríguez. Dirixido por Marcos Nine, este singular biopic, que hai unhas semanas se presentou con gran éxito na Semana Internacional de Cinema de Valladolid (Seminci), conta con música de Arturo Kress e intercala ilustracións de Alberto Taracido.
Un dos socios fundadores de Recrea Films, Chema Gagino, indica a Galicia en Primeira Persoa que aínda que ao longo dos anos houbo unha considerable produción ao redor do asasinato de Hildegart Rodríguez (a propia Almudena Grandes publicou en 2020 o libro A nai de Frankenstein), son os primeiros en abordar “un documental cinematográfico desde unha perspectiva distinta, con vocación de entrar nas salas de cinema e na distribución internacional”.
O documental está de moda
Aínda que Recrea ten a mirada posta no formato de ficción, Gagino destaca que a excelencia do audiovisual da comunidade tamén ten unha pata moi importante no documental, cada vez máis demandado. “Tanto aquí en Galicia como fóra, o documental está a vivir unha moi boa época. As plataformas dixitais acéptano cada vez máis, hai un gran nicho de mercado e parecíanos que era unha oportunidade para unha empresa como a nosa”, explica o Gagino, que fundou no ano 2017 Recrea xunto con outros socios do sector, como a produtora Amalia Mato, con décadas de traballo no audiovisual galego ás costas.
Pero, sendo o cultural un dos sectores máis fortemente afectados pola crise sanitaria, como foi parir un proxecto coma este en plena pandemia? “Vimos dun ano moi complicado. Os cinemas e as distribuidoras teñen máis stock do que se pode sacar adiante. A Virxe Roxa empeza agora a súa andaina, cando os festivais xa deixaron de ser en liña e recupérase, aos poucos, o pulso. Tivemos unha gran acollida na Seminci, estaremos na inauguración de Novos Cinemas en Pontevedra e apostamos pola distribución internacional. Temos un produto diferente dunha gran calidade”, explica, para insistir que, aínda que cunha produtora relativamente nova, a pandemia non freou o desenvolvemento do filme.
Galicia en Primeira Persoa constrúese con entrevistas presenciais, gravadas en vídeo e difundidas en todas as canles de ED, aos emprendedores que abren camiño con novos negocios, e expoñen alternativas sólidas e viables que poden ser unha referencia para outros. ED Galicia proponse descubrir a aqueles que son capaces de emprender e innovar á vez desde Galicia.
Exportar talento galego
Gagino explica para Galicia en Primeira Persoa que a vocación de Recrea Films é a de “exportar o talento galego”. Este primeiro gran proxecto documental é aposta e exemplo claro. “Non pode ser máis galego. Produción galega, financiamento galego, feito aquí…”, apunta, para explicar que os produtos audiovisuais nacidos na comunidade contan xa con pedigrí propio. “Temos uns equipos técnicos envexables, alén dos artísticos. Con esa convicción hai uns anos decidimos montar a nosa produtora, como espazo desde o que facer as nosas propias películas. Á marxe doutros proxectos máis pequenos para completar ingresos, e coa mirada posta na ficción, comezamos con este proxecto de documental cinematográfico cuxo resultado creo que é, simplemente, fascinante”, explica.
Nestes momentos, Recrea desenvolve outro proxecto documental, neste caso sobre o asasinato do cámara galego José Couso na guerra de Iraq e que se centra na loita xudicial da súa familia. “Cremos que é importante contar o que pasou despois, tras máis de vinte anos loitando, batallando, salvando obstáculos. É a historia do tesón dunha familia”, resalta, para engadir que outro dos proxectos entre mans da compañía, é un filme de ficción. Unha comedia da que, por agora, garda os detalles.