O ecosistema galego de innovación amosa o seu potencial a máis de 100 investidores en Santiago
Unirisco e Noso Capital impulsan un encontro para reunir ao sector galego da innovación con representantes das principais xestoras de capital privado que operan en España
O ecosistema galego de innovación presentou este martes os seus proxectos e capacidades en transferencia diante de máis de 100 investidores das principais xestoras de capital privado que operan en España e do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial). Estas entidades xestionan máis de 6.000 millóns de euros.
A presentación celebrouse no marco dunha xuntanza na Asociación de Empresario do Polígono do Tambre. Unirisco e Noso Capital (a través do fondo Bio & Tech Smart Capital) son os impulsores da xornada, que conta co apoio da Xunta de Galicia, as tres universidades galegas, Abanca, Ribera Salud, SpainCap, Ernest & Young, Alira Health e APD Noroeste.
Na sesión de traballo participaron catro agrupacións industriais do ámbito biotecnolóxico (Bioga, Agrupación Industrial da Saúde de Galicia, Viratec e Clusaga), o Programa Cáncer Innova – Business Factory Medicines e o hub de innovación DATAlife; ademais dos centros tecnolóxicos e de investigación máis importantes de Galicia, como son Gradiant, CITIC, AtlanTTic da Universidade de Vigo, CITMaga e transferencia do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela. Ao rematar, os asistentes visitaron o Biopolo da Sionlla.
Investir en innovación
Segundo explican os organizadores do evento, Galicia esperta un gran interese entre os investidores pola investigación que desenvolve en universidades, unha rede de 6 aceleradoras (5 verticais e unha multisectorial) e iniciativas de alto valor para a innovación e o emprendemento como o Biopolo da Sionlla (Santiago de Compostela), a Cidade das TIC e a posta en marcha da Axencia Española de Intelixencia Artificial (A Coruña).
Tamén destacan a posición estratéxica da comunidade en sectores como «a biotecnoloxía –segunda biorrexión máis emprendedora por detrás de Cataluña–,a bioeconomía, a saúde e a sustentabilidade, a intelixencia artificial, a analítica de datos e a ciberseguridade», ademais de en actividades transversais que contribuirán a mellorar a competitividade do conxunto de sectores, como a alimentación (humana e animal), pesca, agricultura, forestal-madeira, enerxía, medioambiente e economía circular.