Madrid, Cataluña, Andalucía… De onde veñen as empresas que se mudan a Galicia?
Os datos do Colexio de Rexistradores revelan que 165 empresas decidiron trasladar a súa sede social á comunidade en 2022, fronte as 159 que perdeu
Madrid, Cataluña e Andalucía son as principais comunidades das que proceden as compañías que deciden trasladar a súa sede social a Galicia, segundo os datos do Colexio de Rexistradores relativos ao exercicio de 2022. En concreto 68 empresas madrileñas, 26 catalás e 19 andaluzas instaláronse en territorio galego o ano pasado.
Na listaxe tamén se atopan compañías procedentes da Comunidade Valenciana (12); Castela e León (10), Canarias e Cantabria (7). A achega máis minoritaria fana as comunidades de Castela-A Mancha e Navarra, con 3 cada unha; Estremadura, País Vasco e Asturias, con 2; e Aragón, Illas Baleares, A Rioxa e Murcia, con 1.
Segundo os datos do Colexio de Rexistradores, durante o 2022 un total de 165 empresas decidiron trasladar a súa sede social a Galicia fronte ás 159 que perdeu. Desta forma, a comunidade sitúase entre os territorios que finalizaron o ano cun saldo positivo nunha clasificación liderada pola Comunidade de Madrid, que gañou 191 compañías.
En concreto, o ano pasado 1.645 compañías decidiron instalarse na rexión presidida por Isabel Díaz Ayuso, fronte ás 1.454 que abandonaron o territorio. Tamén se atopan entre as comunidades que pecharon o exercicio con saldo positivo a Comunidade Valenciana, que gañou 63 compañías; Illas Baleares (+35); Murcia (+30), Andalucía (+25); Illas Canarias (+23); Asturias (+16) e Estremadura (+6).
Cataluña sofre o maior éxodo de empresas
Dentro dos territorios que saíron peor parados, destaca o caso de Cataluña que perdeu en total 811 empresas, tendo en conta que se instalaron 630 compañías pero abandonaron a comunidade autónoma 811. Segundo os datos do Colexio de Rexistradores, o 20,4% das empresas (336) que se instalaron o ano pasado en territorio madrileño procedían da rexión presidida por Pere Aragonés.
Do total de compañías que a comunidade catalá perdeu nos últimos 10 anos, un total de 6.300, a maior parte decidiron abandonar o territorio durante os últimos cinco anos (4.861).
Outros territorios que pecharon o exercicio cun saldo negativo foron Castela e León, que se sitúa só por tras de Cataluña, con 56 empresas menos. Así mesmo, Navarra, rexistrou 54 menos, e Castela-A Mancha, restou 39. Tamén anotaron saldos negativos Aragón, con 24 empresas menos; País Vasco, con 18 menos; A Rioxa, con once menos; Ceuta e Melilla, con cinco menos, e Cantabria con tres menos.