Florentino, Alumán, Megasa, Hotusa… Nova xeira de sucesións na empresa familiar galega
O Rexistro Mercantil recolle esta semana o nomeamento de Tino Cacheda Pampín como administrador único de Florentino Colección, sendo o último proces dun empresariado onde o caso de Marta Ortega en Inditex non é a excepción
No último ano, a gran empresa galega continuou acometendo procesos de sucesión nunhas cúpulas de marcado carácter familiar. Algúns inesperados e outros que levan anos fraguándose, primeiro con ascensos nos consellos de administración dos grupos e, despois, coa ratificación vía Rexistro Mercantil. A xoia da coroa en cuestión de sucesións foi a que acometeu o pasado exercicio Amancio Ortega en Inditex, ao ascender á súa filla pequena Marta a presidenta non executiva nunha operación que conlevou, ademais, a saída da multinacional de Pablo Isla. Pero este movemento non foi, nin moito menos, único.
No téxtil galego, esta mesma semana, o Rexistro Mercantil evidenciaba outra renovación que leva anos preparándose: a que acomete a histórica firma con sede en Lalín Florentino. Tino Cacheda Pampín converteuse en administrador único de Florentino Coleccion tras o cesamento do seu pai e fundador da compañía, Florentino Cacheda López, como administrador solidario da empresa.
O reto de Florentino
Trátase dun proceso sucesorio que se plasma no papel, malia que Cacheda Pampín exerce desde hai tempo. Foi mediado o 2021 cando asumiu a dirección xeral da empresa tras sete anos de experiencia en departamentos que foron desde o comercial á mercadotecnia. A falta de coñecer os datos relativos a 2022, a téxtil atópase no complicado camiño de recuperar os folgos após a pandemia. Con preto dun centenar de traballadores a finais de 2021, a sociedade Florentino Coleccion contabilizou un patrimonio neto de 7,4 millóns fronte aos 8,3 millóns do exercicio de Covid. A cifra de negocio descendeu lixeiramente dos 4,2 aos 4,1 millóns de euros mentres o resultado neto, aínda que en números vermellos, reduciuse de forma notable, desde os catro millóns de perdas de 2020 ao negativo de 1,8 millóns.
A sucesión en Florentino prende noutras realizadas nos últimos anos na moda galega entre as que sobresae o proceso acometido en Adolfo Domínguez e que culminou co ascenso de Adriana Domínguez á presidencia do grupo.
Bimba y Lola e o negocio familiar
Recentemente, outra vez o Rexistro Mercantil advirte dun proceso de sucesión familiar e da asunción de novos cargos por parte, neste caso, do discreto imperio levantado polo tío de Adriana, Jesús Domínguez, e as súas primas, María e Uxía Domínguez, responsabeis de Bimba y Lola.
María acaba de coller o temón de Petra Mora, compañía de alimentación gourmet con base de operacións en Zamora que o seu pai, un dos fundadores de Téxtil Lonia, puxo en funcionamento alá polo 2012. Por tras da marca de alimentación atópase a sociedade Abacería del Monasterio, unha das participadas de Tapru, o holding familiar presidido por Jesús Domínguez.
A sucesión ben construida de Aluman
Fóra do ámbito do téxtil aínda que con conexións co mesmo, Aluman, histórica provedora de Inditex con sede en Arteixo e especialista na construción de fachadas e envolventes arquitectónicas, tamén culminou en novembro o seu particular proceso de relevo xeracional, co ascenso de Manuel Ángel Pose Palleiro á presidencia executiva do grupo e a retirada do seu pai e fundador da compañía, Manuel Pose Miñones.
Tamén neste caso, o ascenso de Pose Palleiro non é un abrupto desembarco. O executivo acumula 32 anos na empresa ocupando distintos cargos e, desde 2010, como director xeral. O executivo toma os mandos de Aluman nun momento de crecemento, tras voltar en 2021 ao negro. Fronte ás perdas de 5,7 millóns rexistradas en 2020, conseguiu un beneficio de 800.000 euros, mentres que a facturación quedou en 70,3 millóns.
Megasa, as pólas dunha mesma familia
Destaca tamén o proceso de muda xeracional que realizou Megasa, o grupo siderúrxico con sede en Narón, que inclúe diferentes gallas da familia fundadora. En 2021, Lucía Freire, filla de Enrique Freire Arteta, asumiu a presidencia de Metalúrgica Galaica, a sociedade de cabeceira do grupo, unha comercializadora da produción que a compañía xera nas súas distintas plantas.
Máis este non foi o único movemento, xa que o pasado decembro María Montalvo Freire, neta do fundador do grupo, substituíu ao seu tío, Enrique Freire, na presidencia de Freire Hermanos, unha das sociedades do grupo que depende do holding familiar, Bipadosa.
Entrada da segunda xeración
Pero na gran empresa con orixe en Galicia tamén hai movementos máis a longo prazo que se encamiñan a propiciar a entrada nos grupos das segundas ou mesmo terceiras xeracións. Entre as operacións realizadas no último ano destaca, por exemplo, a acaecida en Hotusa, o grupo turístico do chantadino Amancio López Sejas, que deu entrada no consello de administración da compañía ás súas fillas, Marina e Clara López Sanjurjo, por un período estatutario inicial de cinco anos.