A aeronáutica galega deixa atrás a Covid e mantén boas expectativas para o 2023
O Consorcio Aeronáutico Galego considera superada a crise provocada pola pandemia despóis dun 2022 no que "as empresas aumentaron o emprego e a facturación"
O Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG) afronta o 2023 con boas expectativas. Segundo confirmou este mércores nunha asemblea xeral, esta industria dá por superada a crise provocada polo Covid-19 tras un 2022 no que, a falta de pechar os datos, as empresas aumentaron o seu emprego e a súa facturación.
O presidente do CAG, Enrique Mallón, constatou que Galicia é «practicamente a única» comunidade en España que, na última década, deu «un paso de xigante» no crecemento desta industria, cun tecido empresarial que soubo trasladar unha imaxe de seriedade e capacidade, e cunha diversificación das súas actividades.
En 2022 a industria aeronáutica da comunidade (cuxas cifras de facturación en 2021 roldaban os 90 millóns de euros) creceu tanto en beneficios como en emprego, a falta de pechar os datos definitivos. Con respecto ao ano 2023, as empresas confirmaron que, a pesar dalgunhas dificultades (problemas con algunhas subministracións, escaseza de persoal cualificado ou o custo enerxético «absolutamente desorbitado»), teñen boas expectativas e carga de traballo.
Enrique Mallón puxo en valor, por outra banda, o papel do proxecto CIVIL UAVs Initiative para sistemas non tripulados impulsado desde o Polo Aeronáutico de Rozas, polo seu empuxe no desenvolvemento das empresas, que xa non só achegan aeroestructuras á cadea de valor, senón tamén sistemas e comunicacións. A iso súmase o efecto de atracción sobre grandes compañías do sector, como Airbus que participou na asemblea do CAG cos responsables do proxecto de Rozas.
Compra de desenvolvementos tecnolóxicos
A directora de GAIN, Patricia Argerey, confirmou que a Xunta prevé, neste 2023, convocar unha liña de axudas no marco do programa RETECH do Goberno de España, para facilitar ás empresas a compra de desenvolvemento de tecnoloxía que non está no mercado, coa condición de que ese desenvolvemento sexa levado a cabo por compañías e centros galegos.
Sobre este asunto, matizou que aínda se están perfilando os detalles da convocatoria, que se executará ao amparo dun decreto de axuda directa do Goberno central, aínda que avanzou que a administración autonómica prevé destinar uns 11 millóns de euros a esa liña.
Finalmente, Argerey recalcou a importancia de que unha empresa con presenza global, como Airbus, estea a participar na CIVIL UAVs Initiative, un proxecto «estratéxico» para a propia compañía, e subliñou que esa implicación «non é casualidade», xa que a multinacional «coñece ben» as capacidades do tecido aeronáutico galego.
Destacou o interese desta empresa por ampliar os seus proxectos e colaboración co tecido galego no ámbito dos sistemas non tripulados, no que a Xunta traballa desde 2015, fomentando unha especialización pioneira en España, e que está a ter «impacto» na xeración de emprego e o posicionamento das empresas de Galicia.