O modelo do leite
Nos valores que simboliza o LIGAL reside boa parte da competitividade do leite galego e das súas expectativas de futuro
O leite e os seus derivados representan en Galicia case o 2% do PIB total. Nun contexto de competencia global, algo así so se pode conseguir aplicando un modelo onde prevaleza a investigación e a cooperación. Nos valores que simboliza o LIGAL reside boa parte da competitividade do leite galego e das súas expectativas de futuro.
Hai sinais da presenza de vacas en Galicia desde a chegada dos celtas. Segundo Mariño Ferro, a vaca no país “responde ós intereses que prevalecen no agro galego ata os anos setenta: ara, tira do carro, produce esterco, dá leite e cría xatos para a venda”. Refírese o antropólogo á raza rubia galega, a predominante naquel tempo. A partir dos sesenta, introdúcese a raza frisoa, de maior rendemento para a produción leiteira, e de tal xeito o leite se torna un activo básico da economía de Galicia.
Dende a fición, Manuel Rivas falaba dun millón de vacas. Non ía mal o escritor coruñés: segundo o IGE, había en 2019 unhas 949.000 vacas, en torno ao 60% son de muxidura. Están distribuídas nun total de 30.793 explotacións. En 2008 había 49.355 explotacións; xa que logo, en doce anos perdemos o 38% das explotacións; se nos concentramos no leite, pasamos de 13.546 a 6.906 explotacións, así que deixamos no camiño case a metade, un 49%. Semella un dato pésimo polo papel crítico que xoga o gando na supervivencia do rural.
O cese das cotas lácteas propiciou a perda de 40.000 reses, pero o lácteo galego obtivo os seus mellores datos de produción
Porén, o número de reses non observou o mesmo devalo. Comparamos ese intervalo de tempo e observamos que os números entre 2008 e 2019 son practicamente idénticos, con dous tramos diverxentes. Ata 2015, experiméntase un crecemento de 27 mil cabezas, que se corrixe a partir de entón debido ó cese das cotas lácteas. Os datos avanzados do Ministerio para 2020 falan dunha caída doutras 10 mil cabezas, un dato negativo de confirmarse.
Se nos fixamos novamente no segmento de muxidura, vemos que entre 2008 e 2019 pasamos das 536.624 reses ás 513.030, o que supuxo unha perda do 4% neses once anos, outra vez cunha data que condiciona a serie. Ata 2014, experimentouse un incremento sostido ate as 558 mil cabezas; entón o cese das cotas lácteas seica propiciou a perda de 40 mil. Dende entón, a cabana permanece máis ou menos estable: 4.000 reses menos dende 2015, una lixeira caída do 0,8%. Existe o retroceso pero lonxe do cataclismo que algúns aventuraban.
As boas novas chegan dende as cifras da produción. Comparando o período 2003-2019, a produción de leite na Unión Europea (Eurostat: Cow’s Milk Collection) aumentou un 21%. En Galicia, durante o mesmo período, o crecemento foi do 30%. Hai que dicir que dende 2016, o incremento foi continuo a un ritmo medio do 5,7% anual. É dicir, dende o final das cotas, cando o mercado se abre, o sector lácteo galego obtén os seus mellores datos de produción! Confírmase, xa que logo, que a diminución das explotacións e o estancamento no tamaño total da cabana galega significou máis un aumento da produtividade ca unha perda de pulo produtivo. Hoxe en día, o leite galego supón o 39% do leite no conxunto de España e o 56% das explotacións. Malia o sector español significar nada máis ca un 4,5% do leite producido na Unión Europea, Galicia érguese ata a décima posición entre as rexións da UE por volume.
Coido que habemos celebrar coma se merecen os datos anteriores que negan as grises previsións que tantas veces se fan sobre o sector lácteo galego. O leite de Galicia demostrou unha louvable capacidade de adaptación aos cambios constantes da contorna e unhas indubidables condicións para competir no máis duro mercado mundial: a Unión Europea.
Cabería preguntarse polas razóns deste favorable posicionamento. A constancia e o bo facer dos gandeiros foi un primeiro e fundamental argumento canda o dinamismo que amosou o cooperativismo. Tamén a reacción da industria tras décadas de dificultades, incidindo na diversificación e a creación de valor engadido no produto final. Mais neste artigo, hei destacar un outro factor esencial: o papel crítico que xogou o que poderiamos chamar Complexo lácteo de Mabegondo, formado polo LIGAL e os departamentos vinculados do CIAM.
O Complexo Lácteo
LIGAL significa “Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite”. Naceu en 1989 como Asociación sen ánimo de lucro co obxectivo básico de controlar a calidade do leite producido en Galicia. No seu órgano de goberno están representados de forma paritaria os produtores e a industria; as decisións deben tomarse por maioría cualificada do 75%. Este funcionamento singular, que esixe negociación e acordo continuo entre as partes, supón sen dúbida un dos factores clave do seu éxito.
Cada día, analízanse nos laboratorios do LIGAL arredor de 10.000 mostras, para un total de 55.000 determinacións paramétricas. Lembremos que, segundo o último censo, existen 6.906 explotacións leiteiras no país: o labor prospectivo antóllasenos exhaustivo. Os resultados saltan á vista: nas análises de residuos realizadas en 2001, o 0,60% daban resultados positivos; en 2009, esa cifra baixara ata o 0,25% para situarse nun marxinal 0,06% en 2020.
Unha contribución relevante do LIGAL refírese á capacidade de diferenciación do produto a través da certificación “Leite 100% Galego” que acredita que tanto a extracción coma a transformación do produto
O LIGAL constitúe ademais o elemento central para a determinación do prezo do litro de leite, que nunha parte se fixa en función da súa calidade, e esta calcúlase a partir do contido físico-químico, do estado hixiénico-sanitario e do control dos requirimentos en seguridade alimentaria. Novamente, o traballo tanto de rutina como proactivo do Laboratorio neste eido contribuíu decisivamente para a mellora continua da calidade do noso leite cru nun mercado global cada vez máis esixente; porén, en Galicia manéxanse aínda prezos por baixo da media española, unha diverxencia que deberá tender a corrixirse.
Unha outra contribución relevante do LIGAL refírese á capacidade de diferenciación do produto a través da certificación Leite 100% Galego que acredita que tanto a extracción coma a transformación do produto realízase enteiramente en Galicia. Para acceder á marca, hanse cumprir uns requisitos de calidade por riba da normativa oficial.
O LIGAL, mediante a súa colaboración estratéxica co CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), contribuíu novamente de xeito decisivo no abastecemento dos produtos alimentarios do gando. O millo forraxeiro de Galicia representa máis da metade da dieta das vacas muxidoras galegas, o que incide tanto nos custos da produción como na produtividade das reses. O traballo do CIAM na conservación e mellora das distintas sementes de millo merece o máximo recoñecemento pola contribución que implica na viabilidade das explotacións.
O Complexo lácteo de Mabegondo reúne os valores que definen a competitividade dun sector: investigación, cooperación, calidade, tecnoloxía, innovación e diferenciación. O labor integrado ao longo da cadea de produción do leite está a dar os seus froitos, un exemplo exportable a outros sectores. O leite galego presenta un orgulloso pasado e un ilusionante futuro. Para que as expectativas se confirmen, o sector precisa un pulo definitivo da Administración que garanta a puxanza de vindeiras actuacións. O LIGAL e mailo CIAM deben recibir inxección de fondos e recursos no beneficio dun sector agroalimentario galego que ha multiplicar as súas capacidades en materia de superficie dispoñible, cooperación, tecnoloxía e I+D+i. Dígoo o Día da Patria Galega, polo ben do país, do seu medio natural e da súa economía.